CULTURA

Estrea absoluta de "Despois do tranvía" na Zona C e función de "D.E.P." no Principal

23/09/2014 A axenda cultural para este mércores 24 trae dúas propostas dentro do Bono de Teatro Galego. Ás 20:30 horas teremos na Zona C a estrea absoluta de Despois do Tranvía, dirixida por Carlos Neira e que poderemos ver de novo de xoves a venres. E ás 21:00 horas poderemos ver, en función única e no Teatro Principal, D.E.P., de Malasombra Producións.

Tennessee Williams formúlanos conflitos universais e actuais. Un tranvía chamado desexo converteuse nun clásico do teatro e segue a ser unha peza contemporánea. Como creadores contemporáneos, Carlos Neira e Paula Ballesteros propoñen extraer a Blanche Dubois do seu contexto temporal dándolle unha temporalidade natural, envellecendo, triunfando e fracasando, someténdoa a unha transformación e agonía a través do tempo. Deste xeito, cada día é diferente na vida de Blanche o que lle imprime a esta nova peza un carácter performativo.

Ademais deste mércores, haberá función tamén xoves, venres, sábado e domingo; todos os días ás 20:30 h, agás a do domingo que será ás 19:30 h. O prezo da entrada é de 8 euros (6 euros o mércores, día do espectador) e o espectáculo está enmarcado dentro do Bono de Teatro Galego, que permite obter 5 entradas por 35 euros. Poden adquirirse na billeteira do Teatro Principal de martes a sábado de 18:00 a 21:00 h ou na da propia Zona C os días de función dende ás 19:00 horas (o domingo dende as 18:00 h).

D.E.P., por Malasombra Producións
Unha nai con demasiados anos, unha embolia, unha gripe e moi poucas ganas de morrer. Un fillo próximo aos 50 cunha empresa que se afunde. Outro fillo de 42 que a coida, a baña, a peitea e case a mata (á da embolia). Unha testemuña de Xeová que os visita cada mércores. Moitas libretas e poucos aforros. Unha casa que hai que vender "pero, xa!". Unha noite interminable repleta de segredos inconfesables: "Fran, eu creo que non quero a mamá", "Pois mira que se se cura"... Quizais habería que darlle un empurronciño… E timbres, moitos timbres… Iso é D.E.P.: unha comedia, claro.

Trátase dunha función única desta comedia de Malasombra Producións dirixida por Marcos Orsi e con Jouse García, Xoque Carbajal e Patricia Rodríguez sobre as táboas. A entrada pode adquirirse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 h), en entradas.abanca.com, ou no 902 434 443 a un prezo de 10 euros. Ademais, está enmarcado dentro do Bono de Teatro Galego.

Compartir: