CULTURA

Néstor Pardo, primeiro concerto do recén nomeado ciclo Blues Nite by 1906

23/09/2014 O coruñés Néstor Pardo será a primeira proposta do recen nomeado ciclo Blues Nite by 1906. O ciclo foi posto en marcha o ano pasado polo Concello de Santiago e agora muda o seu nome tras o acordo entre o Concello e 1906. Este mércores 24, presentarase a programación completa do ciclo para o que queda de ano nunha rolda de prensa e, xa pola noite, teremos a primeira das propostas, o concerto do coruñés Néstor Pardo.

Néstor Pardo marabilla a crítica e adeptos co lanzamento do seu primeiro disco en solitario, Waintin´To The Other Side, un traballo íntimo que plasma as inquietudes musicais dun artista xa consolidado. Un disco íntimo, sincero, onde Néstor mostra todo o seu talento e o seu saber facer. O concerto será ás 21:00 horas na Sala Capitol e as entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), na Reixa Tenda e en salacapitol.com. O prezo é de 6 euros anticipada e 8 euros mañá, día do concerto.

Néstor R. Pardo (A Coruña, 1985) forma en 2004, aos 19 anos, a súa primeira banda, The Loveless Cousins, a cal lideraría como cantante, guitarrista e compositor até o ano 2009. Formación de corte Rock-a-billy, edita dous álbums e leva o seu espectáculo por toda España e o resto de Europa, sendo cabezas de cartel en varios festivais en Holanda ou Alemaña. Néstor é fotografado por Antonio Alay para o libro Rockin Spain, libro de fotografía sobre a escena do rock&roll español.

En 2008 marcha a Madrid para finalizar os seus estudos na Escuela de Música Creativa, titulándose como guitarrista profesional en música moderna. Nestes anos, que dedicou exclusivamente aos seus estudos, recibiu clases de Diego Araoz sobre guitarra manouche, e tamén recibiu masterclass a través dun curso en liña con Stochelo Rosenberg (The Rosenberg Trio). Mentres está en Madrid, comeza unha amizade co músico Roi Fontoira (The Phantom Keys/The Limboos). Cansado dos prexuízos e a mente pechada da escena rockabilly, e vendo a música como sinónimo de liberdade, abandona The Loveless Cousins e monta xunto a Roi Fontoira a banda de R&B/swing The Allnight Workers. Con The Allnight Workers Néstor mostraría a súa capacidade compositiva, gravando sempre cancións da súa propia colleita fóra dun par de versións no primeiro álbum.

Gravan dous álbums en Berlín para o selo Grabaciones de Impacto nos estudos Lightning Recordings. Xiran por toda Europa, e convértense nunha banda de prestixio, sendo incluídos en festivais tanto de jazz como de rock&roll. Traballan como banda en Europa para Lala Brooks, vocalista de The Crystals, grupo producido por Phil Spector nos 60. En 2012 volve á súa cidade natal e comeza a tocar como músico de sesión para distintas formacións (Northwest Pickers, The Hot Chocolates, Dixie Lovers, The Honky Tonkin Boozers, Rockers go To Hell.) En 2013 decide comezar a súa carreira en solitario tocando a súa propia música, deixando atrás todas as formacións e comezando así unha nova etapa, na que o músico escapa de calquera etiqueta ou prexuízo. Aquí nace Pardo.

Véndose ao fin preparado musicalmente para afrontar o que sempre quixo facer, comeza a gravar un LP nos estudos Summerfiled Records. Grava 11 cancións propias, cun estilo persoal no que mostra as súas múltiples influencias. Cancións que beben do folk, o dixieland, blues e o gipsy jazz, defende todo o seu repertorio tan só coa súa guitarra e a súa voz, apostando pola naturalidade. A pesar de non chegar aos 30 anos, este músico xa ten unha longa traxectoria e non resulta estraño que a súa evolución non deixe a ninguén indiferente.

Compartir: