TURISMO

Santiago de Compostela vive o seu mellor verán turístico da última década, só superado polo Ano Santo 2010

23/09/2014 Entre xullo e agosto, os establecementos hoteleiros de Santiago sumaron 305.395 pernoctacións, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). É a mellor cifra de pernoctacións en Santiago dende o 2005, só superada polo Ano Santo 2010, cando a festividade xacobea permitiu que se alcanzase o récord histórico da cidade no verán. Esta cifra representa un crecemento acumulado nos dous meses de verán de 24.432 pernoctacións respecto o mesmo período do ano pasado, un 8,70% máis.

Dende o 2005 só se superaran as 300.000 pernoctacións no 2009, cando houbo 300.133, e no Ano Santo 2010, cando se alcanzaron as 333.561. Santiago situouse así neste verán en cifras superiores incluso ás que se obtiñan na cidade antes de que comezase a crise económica no 2008, que afectou fondamente ao turismo doméstico.

Os datos deste verán foron posibles a dous factores. Por unha banda, á evolución constante do turismo internacional na cidade, que neste verán alcanzou a súa mellor cifra histórica, con 118.888 pernoctacións entre xullo e agosto, a súa mellor cifra histórica neste período, por riba incluso do Ano Santo 2010, cando houbo 110.823, e por exemplo moi por riba das 82.098 que houbo no 2005.

Por outra banda, á recuperación do turismo doméstico, que aumentou un 8,76% respecto do verán pasado ata chegar ás 186.507 pernoctacións, situándose nas mesmas cifras que se alcanzaban nos anos previos á crise económica. Por exemplo, no Ano 2007, no que España aínda non entrara na crise económica, houbo 186.702 pernoctacións domésticas na cidade.

Por meses, agosto consolidou o crecemento que os datos do INE xa apuntaran en xullo. En xullo houbo 131.548 pernoctacións, un 7,5% máis que en xullo do 2013. En agosto, as pernoctacións aumentaron ata as 173.847, que representan un 9,6% máis que no mesmo mes do ano pasado.

Os datos de pernoctacións do verán do INE confirman a boa evolución que apuntaban outros datos vinculados co turismo, como os datos de peregrinos chegados no verán ou os datos do aeroporto de Santiago. Por exemplo, segundo os datos da Oficina de Acollida ao Peregrino, só no mes de agosto houbo máis de 51.000 peregrinos, a mellor cifra histórica só superada polo Ano Santo 2010. Pola súa banda, Lavacolla tivo a maior conectividade internacional da súa historia, con trece conexións directas que moveron máis de 120.000 pasaxeiros.

Documentos relacionados



Compartir: