TURISMO

Mario Sandoval, Premio Nacional de Gastronomía, en Compostela Gastronómica

23/09/2014 Compostela Gastronómica, I Festival da Cociña Galega, recibe este mércores 24 de setembro a Mario Sandoval, Premio Nacional de Gastronomía 2013. O chef madrileño estará na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos, onde ofrecerá un relatorio para expoñer o seu punto de vista acerca da combinación entre tradición culinaria e innovación.

A xornada do martes en Compostela Gastronómica abriuse coa intervención do chef italiano afincado en Ourense Flavio Morganti (Restaurante Galileo). Baixo o título de I+D+i con vacún galego, Morganti falou sobre a aplicación de tecnoloxías de vangarda a un produto tan senlleiro da gastronomía galega como a tenreira. Morganti aproveitou tamén para dar a coñecer unha das súas últimas creacións, o refresco Pink Cow, unha bebida denominada como "refremixer" e creada expresamente para mesturar con outras bebidas con resultados sorprendentes.

O chef vallisoletano Antonio González (Los Zagales), gañador —entre outros moitos premios— do Concurso Nacional de Tapas 2010 e 2011, participou en Compostela Gastronómica co relatorio titulado O marketing e a tapa, no que resaltou a importancia da imaxe na comunicación do traballo gastronómico. A posta en escena do produto final —neste caso, tapas con presentacións sumamente espectaculares— centrou a intervención deste mestre na arte da cociña en miniatura.

Os santiagueses Iago Pazos e Marcos Cerqueiro explicaron por medio dun show cooking a aposta desenvovida por ambos no Abastos 2.0, un exitoso local rexido polos principios da "cociña sen neveiras" e a "cociña DO mercado".
Javier Olleros, o chef pontevedrés que conta cunha estrela Michelin no seu restaurante Culler de Pau, ofreceu unha sesión de cociña en directo titulada A nosa cociña comeza na terra, na que elaborou varios pratos con produtos vexetais procedentes da Finca Los Cuervos, de Santiago Pérez. Ambos protagonizaron tamén o obradoiro Vexetais recuperados e vexetais actuais na cociña, onde deron a coñecer tres novidosos produtos: o cogombro africano; a okra, unha hortaliza rica en fibra soluble; e o mini millo galego, recuperado polo CSIC e regulado por primeira vez este ano. Coa actividade Tecnoloxía de extracción de sabor, a cargo de Arantxa Costas e Guillem Corral, péchase o programa de obradoiros da xornada.

Compostela Gastronómica está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cunha sinal de identidade diferenciada: o produto galego que se pode atopar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa.

Direccións relacionadas



Compartir: