CULTURA

Vinte e unha compañías na XIX edición do Festival Internacional de Títeres Galicreques

23/09/2014 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director de AGADIC, Jacobo Sutil, presentaron esta mañá a XIX edición do Festival Internacional de Títeres, Galicreques. Fixérono acompañados do director do festival, Jorge Rey, e do director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou. Esta edición do festival celebrarase do 27 de setembro ao 5 de outubro en diferentes espazos da cidade e contará coa presenza de 21 compañías chegadas de diversas partes do mundo. Títeres para nenos e adultos, exposicións, charlas, mesas redondas, funcións escolares e obradoiros completan un programa ambicioso para todos os públicos dun festival que é xa unha cita clave no outubro compostelán.

Nesta nova edición do Festival Internacional de Títeres contaremos con 21 compañías procedentes de Rusia, Bélxica, Inglaterra, Arxentina e Brasil, así como de diferentes lugares de España como Euskadi, Cataluña, Aragón, Asturias, Valencia, Madrid ou Castela A Mancha. Ademais, como é xa habitual teremos unha nutrida presenza de compañías galegas. Representarán un total de 25 funcións, ás que hai que engadir 4 espectáculos de microteatro dos que teremos varios pases e 10 funcións escolares. Serán en diferentes espazos da cidade: Teatro Principal, Zona C, Fundación SGAE, Alameda, A Regadeira de Adela e nas prazas do Toural, San Martiño Pinario e Roxa.

Trátase dunha programación para nenos e para adultos, no que destaca a estrea mundial do espectáculo Habla, no estás sola, da compañía La Mar de Marionetas (Madrid); ou a función inaugural do Galicreques con La danza de las marionetas, de Plansjet (Bélxica), que son precisamente os galardoados nesta edición co Premio Galicreques 2014, polo seu labor na formación no teatro de marionetas e pola súa traxectoria como compañía. Numerosos espectáculos sorprenderán pola súa coidada posta en escena, como Circus on the strings, do ruso Viktor Antonov, e Mozart preposteroso, da gran artista inglesa Nola Rae, que porá o peche ao festival deste ano.

Ademais, haberá unha función a maiores que, baixo o nome de Galicreques con Gaza, pretende ser unha noite de xuntanza Palestina-Israel na que os monicreques, a danza, a música e a maxia reivindicarán a paz. A recadación desta reunión destinarase ao envío de medicamentos a Gaza a través da Fundación Araguaney.

A programación complétase con charlas e mesas redondas, así como obradoiros de construción, funcións escolares e exposicións. Poderemos ver Títeres de África na Fundación SGAE ou Humor cos títeres. Ilustracións de Miguel Oyarzún no CSC do Ensanche, e teremos funcións escolares nas que participarán dez compañías cos seus respectivos espectáculos no Teatro Principal, na Zona C e na Fundación SGAE dende o 29 de setembro ao 3 de outubro.

Entradas á venda
As entradas están xa á venta no despacho de billetes do Teatro Principal, que abrirá de martes a sábado e os días de función de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, poderán mercarse para os eventos de cada espazo na Zona C e na Fundación SGAE dende unha hora antes da función. Os prezos serán de 5 euros para os espectáculos do Teatro Principal, Zona C e Fundación SGAE, existindo a posibilidade de adquirir unha entrada familiar para catro persoas por 15 euros, co cal, polo prezo de tres entradas, asisten catro. Para A Regadeira de Adela os prezos son de 3 euros 1 micro-espectáculo e 6 euros para os 3 micro-espectáculos. Os espectáculos de rúa e a entrada ás exposicións será de balde.

19 anos de Galicreques
Estes dezanove anos de Festival veñen caracterizados por unha ampla labor en pro da difusión e promoción dunha arte moi singular como é o teatro de bonecos, cunha ampla variedade tanto na técnica como nas propostas escénicas dos espectáculos. O que se pretende é buscar sempre a maior variedade posible que este tipo de arte teatral pode ofrecer, e por iso teñen participado compañías de teatro de sombras, monicreques de man, marionetas de fío, muppets, monicreques de variñas, bonecos de mesa, obras que mesturaban o teatro de actor ou a danza coas marionetas...

Outra peculiaridade son as procedencias dos elencos, amosando ao público de Santiago de Compostela o traballo de artistas chegados de países como Kenia, Arxelia, India, China, Sri Lanka, Rusia, Alemaña, Turquía, República Checa, Eslovenia, Austria, Francia, Italia, Portugal, Finlandia, Islandia, Arxentina, Chile, Uruguai, Perú, Ecuador, Colombia, México ou Estados Unidos, entre outros.

Nestes anos, máis de 200 elencos pasaron pola nosa cidade, traéndonos a súa arte e levando o nome de Compostela no seu corazón, xa que o Galicreques non só é un festival onde poder asistir a representacións senón que tamén é punto de encontro para os artistas con mesas de traballo, charlas, conferencias e intercambios entre os diferentes participantes, así como centro de formación con cursos que van dende a construción das marionetas, como o seu manexo nas diferentes técnicas, cursos de dramaturxia, vestiario, iluminación, etc. Parte deste traballo deu como resultado a creación do Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques, creado no ano 2003 por AGADIC como proposta da Asociación Cultural Barriga Verde, fundadora e organizadora do Galicreques.

Direccións relacionadas



Compartir: