TURISMO

Francis Paniego, Diego Guerrero e Luis Veira comparten as súas experiencias en Compostela Gastronómica

22/09/2014 Francis Paniego abriu a programación do luns de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, co relatorio titulado Tradición e evolución, cuxo eixe principal foi a busca do equilibrio entre cociña tradicional e moderna. O recoñecido xefe de cociña rioxano, galardoado en 2012 co Premio Nacional de Gastronomía e cuxo restaurante, El Portal de Echaurren, ostenta actualmente 2 estrelas Michelin, compartiu co público asistente a súa filosofía gastronómica, baseada na fidelidade ás raíces, á cociña familiar e aos produtos tradicionais, fusionado coa incorporación de técnicas de vangarda.

Un dos cociñeiros máis prestixiosos da escena gastronómica nacional, Diego Guerrero, que inaugurou recentemente o seu novo restaurante en Madrid, Dstage, falou esta mañá sobre a busca dun novo concepto gastronómico baseado en experiencias anteriores e no seu compromiso, paixón e dedicación polo seu traballo. A importancia de romper coas propias regras e o nacemento de Dstage, centrado en brindar ao cliente unha experiencia gastronómica única, completa, próxima e exclusiva, foron os temas que protagonizaron a intervención deste destacado chef en Compostela Gastronómica.

Baixo o suxestivo título de Luis Jones, en busca da esencia perdida, o coruñés Luis Veira, propietario e xefe de cociña do restaurante Árbore da Veira (1 estrela Michelin), realizou na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos un percorrido por toda a súa traxectoria profesional, incidindo na importancia da nova etapa na que se encontra, á fronte do seu propio negocio, que lle ofrece total liberdade para expresarse e mostrar o seu persoal concepto de gastronomía. Na súa intervención, o chef coruñés elaborou ante o público asistente unha reinterpretación dunha receita de lura con limón.

Para poñer o broche á programación das xornadas profesionais do luns, Compostela Gastronómica inclúe senllos show coookings -sesións de cociña en directo- a cargo dos chefs locais Alén Tarrío (Café de Altamira), José Antonio Brenlla (O Ferro), Siro González (Calderón) e Manel Oliveira (Castelao). Ademais, o restaurante Acio de Santiago acollerá unha cea maridaxe que amosará a simbiose existente entre a nova cociña galega e os viños que están a marcar o mercado. Esta cea terá lugar tras a mesa redonda Visionarios do viño galego, que reunirá as persoas que lideran a revolución vinícola en Galicia.

Martes 22
Compostela Gastronómica terá unha completa axenda de actividades este martes. A xornada comezará ás 09:30 h no Mercado de Abastos co cociñeiro Flavio Morganti, de orixe italiana pero galego de adopción, quen falará sobre I+D+i con vacún galego. A continuación, ás 11:00, será Antonio González, vallisoletano gañador de múltiples premios de tapas en toda España, quen ocupe a Aula gastronómica, cunha intervención sobre O marketing e a tapa.

Pola tarde será, ás 16.30 horas, serán Iago Pazos e Marcos Cerqueiro, do compostelán Abastos 2.0, os que falaran de Cociña do Mercado: Kilometraxe. A continuación, as 18.00 horas, será Javier Olleros, que estudiou na Escola de Hostalería de Santiago e agora dirixe o restaurante cunha estrela Michelin, Culler de Pau, quen ocupará a cociña de Compostela Gastronómica con A nosa cociña comeza na terra.

O programa de actividades completo pode consultarse en www.compostelagastronomica.es, onde tamén se poden facer as inscricións as diferentes actividades. Compostela Gastronómica está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cun sinal de identidade diferenciada: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa.

Compartir: