CULTURA

Florian Boesch interpretará o "Winterreise" de Schubert en substitución de Dorothea Röschmann no Ciclo de Lied

22/09/2014 Por motivos de saúde, a soprano Dorothea Röschmann non poderá estar mañá en Compostela, tal e como estaba previsto, na programación do Ciclo de Lied. Será substituída polo barítono austríaco Florian Boesch, que interpretará o Winterreise (Viaxe de inverno) de Franz Schubert. A obra está considerada un dos máximos expoñentes da historia do lied. O concerto, no que Boesch estará acompañado ao piano por Roger Vignoles, será este martes, ás 20:30 horas, no Teatro Principal.

O barítono austríaco Florian Boesch está considerado como un dos intérpretes de lied máis importantes da actualidade. Actúa no Wigmore Hall, Musikverein e Konzerthaus de Viena, Het Concertgebouw de Amsterdam, Laeiszhalle de Hamburgo, Philharmonie de Colonia, Edimburgo e Schwetzingen Festival, Philharmonie de Luxemburgo, así como en Estados Unidos (Carnegie Hall) e Canadá. Acompañado por Malcolm Martineau, interpretou o ciclo de Schubert completo en Glasgow. Florian Boesch será artista residente no Wigmore Hall nesta temporada 2014/15.

Os seus próximos concertos inclúen A Creación en París (na inauguración do ciclo da Philharmonie de París con Thomas Zehetmair) e Viena (con Nikolaus Harnoncourt), O Mesías e Saul de Haendel en Viena, A condenación de Fausto en Berlín (con Simon Rattle), o Réquiem de Brahms en Baden-Baden, Copenhague (con Michael Boder) e Viena, unha xira coas Paixóns de San Xoan e San Mateo (con Philippe Herreweghe), a Novena Sinfonía de Beethoven coa Orquestra do Concertgebouw (con Ivan Fischer), e Mahler en Manchester.

Como invitado, actúa frecuentemente coas principais orquestras como as orquestras Filharmónicas de Viena e Berlín, a Royal Concertgebouw de Amsterdam, a Filharmónica de Radio Francia, Gewandhausorchester de Leipzig, Sinfónica de Londres, a Sinfónica Nacional Danesa, a Orquestra do Mozarteum de Salzburgo, Sinfónica de Bamberger e directores como Sir Roger Norrington, Philippe Herreweghe, Sir Simon Rattle, Ivor Bolton, Franz Welser-Möst, Robin Ticciati, Gustavo Dudamel, Valery Gergiev, Adam Fischer e Paul McCreesh. Traballa moi preto de Nikolaus Harnoncourt, con quen recentemente fixo a Paixón segundo San Mateo no Musikverein de Viena e The Fairy Queen de Purcell en 2014 no Styriarte Festival. Outros proyectos conxuntos incluíron A Creación e As Estacións de Haydn no Festival de Salzburgo de 2013 e A Creación en Xapón.

Os seus compromisos operísticos levárono ao Festival de Salzburg (Così fan tutte), Theater an der Wien (estrea mundial dea versión escénica do Mesías, Radamisto, Lázaro), Staatsoper de Hamburgo, Handel Festspiele Halle, Bregenzer Festspiele, Tokio, Los Angeles e o Teatro Bolshoi en Moscova (A frauta máxica). En 2011 debutou con grande éxito en Wozzeck na Ópera de Colonia. As súas grabacións de lieder e baladas de Carl Loewe con Roger Vignoles para Hyperion, recibiron recentemente o prestixioso Edison Klassiek Award. Os últimos CDs de Florian Boesch, Der Wanderer de Schubert (Hyperion, R. Vignoles) e A bela muiñeira e A viaxe de inverno (Onyx, M. Martineau) foron moi loubados. Florian Boesch comezou a súa formación vocal con Ruthilde Boesch e máis tarde estudiou lied e oratorio con Robert Holl en Vienna.

Compartir: