SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE

Santiago de Compostela únese á celebración da Semana Europea da Mobilidade

20/09/2014 Mañá domingo, Santiago de Compostela acolle varias actividades para celebrar a Semana Europea da Mobilidade. Así, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) e a Asociación Cívica Composcleta organizan unha xornada de sensibilización en prol da mobilidade sostible e do uso da bicicleta. Ademais, a UMAD preparou unha xornada destinada á mocidade con charlas e un percorrido urbano en bicicleta. O concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Alejandro Sánchez-Brunete, asistirá a estas actividades.

Dende o ano 2002, entre o 16 e o 22 de setembro, vense celebrando a Semana Europea da Mobilidade, iniciativa da Unión Europea coa que se pretende animar, dunha banda, ás autoridades locais a introducir e promover medidas de trasporte sostible alternativas ao uso do coche e, doutra banda, aos cidadáns e cidadás a crear a cidade na que queren vivir, especialmente nesta edición, na que o lema é "As nosas rúas, a nosa elección".

A Semana Europea da Mobilidade consegue aumentar cada ano o número de cidades participantes. Este ano preto de 1.700 cidades implicáronse en concienciar á poboación das consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente.

Esta Semana da Mobilidade culmina todos os anos coa celebración o 22 de setembro do Día Europeo "A cidade, sen o meu coche!", no que as localidades participantes reservan unha ou varias zonas exclusivamente para peóns, ciclistas e trasporte público durante toda a xornada.

O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) quixo unirse este ano á celebración organizando unha xornada de actividades para promover a mobilidade sostible, en colaboración coa Asociación Cívica Composcleta.

A xornada terá lugar este domingo e o programa de actividades levadas acabo ao longo da mañá polas entidades colaboradoras será o seguinte:

- 11:00 h: Obradoiro de mantemento básico da bici. Non é preciso inscrición previa. Esta actividade contará ademais coa colaboración do persoal da tenda de bicis Velocípedo, do barrio de San Pedro.

- 12:00 h: Circuíto de habilidades coa bici. Para rapaces de entre 8 e 14 anos. A actividade realizarase na contorna do CIAC e é de balde, pero é preciso inscribirse. Pódese facer a través do teléfono 981 543 145 ou do formulario de inscrición.

- 13:00 h: Roteiro Urbano en bici. Saída dende o CIAC (os menores deberán ir acompañados dun adulto). A actividade é de balde pero é preciso inscribirse. Pódese facer a través do teléfono 981 543 145 ou do formulario de inscrición.

Tamén se pode atopar toda a información e as ligazóns para facer a inscrición na web do CIAC e no Facebook do CIAC.

Xornadas da Bicicleta na Mocidade
Por outra parte, dentro dos programas de ocio alternativo subvencionados con cargo a bens decomisados, a Concellería de Servizos Sociais, a través da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), pon en marcha as Xornadas da Bicicleta na Mocidade. Celebraranse mañá domingo e terán continuidade o 28 de setembro no Campus Sur da USC.

Mañá domingo celebrarase a primeira das xornadas, que arrancará cunha charla sobre educación viaria ás 10:00 horas. Media hora despois realizarase un circuíto urbano de educación viaria e habilidade. Ás 11:30 horas, sesión formativa con Chema Oliveira sobre mecánica básica da bicicleta.

Para rematar a xornada, de 12:30 a 14:00 horas farase un percorrido urbano en grupo ata a Cidade da Cultura. Os participantes sairán do estanque do Campus Sur para percorrer as seguintes rúas: avenida da Coruña, Rosalía de Castro, Xoán Carlos I, Senra, Virxe da Cerca, Fonte de Santo Antonio, Porta do Camiño, San Pedro, Concheiros, Berlín, Lisboa, Londres, Fontes de Sar, Gaias e Cidade da Cultura. De volta ao Campus Sur, o grupo baixará cara o Multiúsos de Sar e seguirá por Diego Bernal, Ponte de Sar, Castrón D’Ouro, Curros Enríquez, Santiago de Guayaquil, República Arxentina, Xeneral Pardiñas, Carreira do Conde, Xoán Carlos I, Rosalía de Castro e avenida da Coruña.

Para o domingo 28 está prevista unha exhibición de trucos BMX, unha ruta en bicicleta de montaña polo Monte Pedroso e unha exhibición de descenso.

Compartir: