ALCALDÍA

Lucía Freitas e Iago Castrillón, protagonistas da primeira xornada para profesionais e afeccionados de Compostela Gastronómica

19/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu na aula gastronómica da Praza de Abastos ao relatorio A espontaneidade na cociña, a cargo dos chefs Lucía Freitas e Iago Castrillón, de A Tafona e Acio, respectivamente, dentro de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, que se celebra do 19 ao 28 de setembro.

Nesta primeira xornada de Compostela Gastronómica tamén se celebrou un obradoiro de coctelería, impartido por Diego Mosquera, e outro sobre fotografía gastronómica, que conduciu Ramón Escuredo. Tamén houbo unha cata vinícola na Gastroteca SCQ.

O programa do sábado arrancará ás 12:00 horas, na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos, coa primeira showcooking de Área Santiago, cos seguintes produtos e cociñeiros:

- Melide: polbo e doces tradicionais; Manuel Garea, cociñeiro e reposteiro de Melide.
- Arzúa: Queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa, porco; Pilar Rodríguez, do Restaurante O Rueiro.
- Vedra: Adega Pazo de Galegos - D.O.P Rías Baixas (Subzona Ribeira do Ulla); colabora Queixería Barral (Arzúa).

Xa pola tarde, ás 17:00 horas, no mesmo lugar, obradoiro de pastelería creativa con Adriana Cabot. Pechará a xornada o obradoiro Aprende a facer pan, impartido por Guillermo Moscoso, ás 18:30 horas, tamén na Aula Gastronómica.

Compartir: