XUNTA DE GOBERNO

Agustín Hernández agarda que a nova praza de Angrois poida estar lista a finais de ano

19/09/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, deu conta en rolda de prensa dos asuntos tratados na reunión semanal da Xunta de Goberno. Dous deles estaban relacionados coa próxima construción dunha praza e dun parque público no barrio de Angrois.

En relación coa construción da praza pública de Angrois, o alcalde indicou que se mendou un erro material en relación coa denominación dos predios cedidos no seu día polo ADIF para a construción este espazo de lecer e de convivencia. Así, requírese a ADIF que presente un documento complementario necesario para poder escriturar as parcelas a nome do Concello. Este trámite non constitúe ningún impedimento para proceder á licitación das obras.

A Xunta de Goberno aprobara en xullo o proxecto básico e de execución de acondicionamento desta zona de descanso para peregrinos, parque público e parque infantil como homenaxe permanente ao veciños de Angrois e en lembranza da súa actuación no accidente ferroviario do 24 de xullo do pasado ano.

O proxecto ten un orzamento de 99.877 euros e un período de execución de 3 meses. "A nosa intención é poder licitar a obra en cuestión de semanas, indicou Agustín Hernández, estimando a conclusión da mesma para antes do remate do ano.

Pezas en granito para o parque
Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou o texto dun convenio a subscribir coa Deputación de Pontevedra mediante o que este organismo provincial, a través da súa Escola de Canteiros en Poio, achegará un conxunto de pezas traballadas en granito para a súa colocación no futuro parque de Angrois.

O traballo de cantería incluirá un muro de apoio e contención; unha fonte integrada no muro, de 1,5 metros de altura con pila en forma de vieira; seis bancos –dous deles integrados no propio muro- dúas mesas de 80 centímetros de altura; e 20 metros cadrados de pavimento de cantería para a elaboración dun pequeno camiño.

O custo estimado é de 7.625 euros, incluíndo materiais e traballo, por conta da Deputación de Pontevedra. O Concello de Santiago comprométese a asumir o transporte das pezas, a levar a cabo a urbanización do contorno, incluíndo a rede de sumidoiros, e a iluminación do conxunto artístico.

Esta actuación levarase a cabo nos terreos cedidos polo ADIF dentro da urbanización destinada a parque de lecer, fundamentalmente para os veciños de Angrois e peregrinos que transiten pola Ruta da Prata que transcorre por esta parroquia.

Este novo parque público virase a engadir ao novo campo da festa e á pista polideportiva, que teñen tamén aprobado o seu proxecto básico e de execución e que contempla un orzamento adicional de 151.888 euros.

Queda por aprobar o proxecto do almacén para a Asociación de Veciños de Angrois, cun orzamento estimado de 50.685 euros, que está pendente de que o ADIF tramite a modificación dunha aliñación no terreo previsto para a súa construción.

Prórroga das verificacións do USN
A Xunta de Goberno tamén acordou prorrogar durante un ano o contrato inicialmente subscrito por catro anos (con AT Consultores & Auditores por importe de 35.400 €) para a verificación externa do programa Urbana Santiago Norte. A prórroga, que non vai supoñer ningún novo gasto para o Concello, vén motivada pola necesidade de verificar o cumprimento de tres certificacións de reembolso previstas para diversas accións, pero que están pendentes de execución, dentro do referido programa, conforme ao disposto na normativa europea de aplicación.

O programa Urbana Santiago Norte responde a un proxecto dotado finalmente con 10.004.391 euros, dos cales o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional debe achegar 8.003.513 euros (80%) e o Concello 2.000.878 euros (20%).

Ao abeiro deste programa executáronse ou estanse executar máis dunha vintena de actuacións que inciden na integración e igualdade de oportunidades, formación profesional, calidade ambiental, novas tecnoloxías, desenvolvemento do tecido económico, eficiencia enerxética ou mellora da accesibilidade.

Cesión de dous cadros
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a aceptación de dous cadros da pintora María Jesús Reboredo Calvo, nacida en Madrid, aínda que veciña desta cidade desde a súa infancia. Trátase de dúas composicións panorámicas, realizadas en óleo, pintadas na década dos 90: un titulado "Compostela desde o Sarela" e outro co título "Compostela desde o Sar", ambos coa medida de 215 x 70 centímetros e formados por tres lenzos unidos entre si.

A autora, dedicada tamén ao labor docente na nosa cidade, posúe unha numerosa obra coa que ten participado en máis de 70 exposicións individuais e colectivas. Ten, ademais, unha longa traxectoria vinculada á vida cultural e social da cidade, posto que participou na fundación da Asociación do Traxe Galego, da que foi presidenta.

O alcalde agradeceu esta cesión desinteresada e a celebración dun acto formal de entrega destes cadros, aos que se lles buscará unha situación axeitada nalgún edificio municipal.

Novos convenios sociais
En materia de servizos sociais, o Goberno municipal aprobou outros tres convenios con entidades sociais: Fundación Down Compostela (6.000 euros), Asociación Red Madre da Coruña (3.000 euros) e Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (2.700 euros).

Documentos relacionados



Compartir: