CULTURA

Bértola Teatro Desmontable presenta "O pack cósmico" dentro do Bono de Teatro Galego

18/09/2014 A compañía pontevedresa Bértola Teatro Desmontable presenta O pack cósmico esta fin de semana na Zona C. Trátase dunha comedia en galego escrita e dirixida por Mario Iglesias e que poñen sobre as táboas, durante 100 minutos, María Salgueiro, Sé Rial e Xosé Manuel Esperante.

As funcións de O pack cósmico serán venres e sábado ás 21:00 horas e o domingo ás 20:00 horas. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas, ademais de na propia Zona C os días de función dende hora e media antes do comezo da mesma. O prezo da entrada é de 8 euros, 7 se se colle co bono, xa que a obra está dentro do Bono de Teatro Galego.

O pack cósmico é unha triloxía de microteatro. En O que ten cu ten medo, os socios internacionais do presidente do goberno, en especial os membros do club Bilderberg, proporciónanlle a este un enxeño capaz de combater a crise. Dúas secretarias descobren que dende hai un anaco fan e din exactamente as mesmas cousas en A coincidencia cósmica. Na terceira entrega, O cataclismo, o presidente do país ten algo que comunicar ao seu persoal: o mundo enteiro está a piques de sufrir un cataclismo que reducirá o planeta a po e cinza se ninguén fai nada.

Premio Pousadiño 2013 ao mellor espectáculo teatral (Pousada das Ánimas, Boiro 2013).

Compartir: