TURISMO

Compostela Gastronómica contará cun Espazo Gastro no Mercado de Abastos

18/09/2014 Os días 20, 25, 26 e 27 de setembro, e no marco da celebración do festival Compostela Gastronómica, o Mercado de Abastos acollerá o Espazo Gastro, un espazo habilitado e ambientado especialmente para a ocasión no que 15 dos 25 restaurantes participantes na ruta Menús de Mercado ofrecerán tapas e racións de cociña creativa elaboradas a partir de produto fresco e de tempada adquirido na propia praza.

Os 15 establecementos que ofrecerán as súas creacións son: A Curtidoría, Acio, Café de Altamira, Caney, Garum, Hotel A Quinta da Auga, Los Caracoles, Mesón A Charca, O Celme do Caracol, O Curro da Parra, O Ferro, Quercus IP, Resas, Singulario e Tapería Castelao. Café Candelas e Estrella Galicia estarán tamén presentes no Espazo Gastro do Mercado de Abastos.

En horario de 12:00 a 15:00 horas, os composteláns e visitantes que se acheguen ao Mercado de Abastos durante esas catro xornadas atoparán varios dos seus postos habilitados para que algúns dos máis destacados restaurantes da cidade poidan ofrecer as súas creacións culinarias. Ademais da degustación gastronómica, os asistentes gozarán de ambientación musical en directo, con actuacións protagonizadas polo DJ Javier Rial, a banda de música tradicional galega con aires renovados A Liga Gaiteira, o grupo de percusión contemporánea Odaiko Percussion Group, a formación rockabilly Lou Reyes & Los Rockin Corsarios e a emerxente banda compostelá de pop Los Árboles.

Compostela Gastronómica está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cun sinal de identidade diferenciada: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa.

Direccións relacionadas



Compartir: