CULTURA

Sarabela Teatro presenta "A idade da pavía"

17/09/2014 Sarabela Teatro presenta A idade da pavía, obra coa que abre a segunda parte da programación do Bono de Teatro Galego. Será este xoves 18 de setembro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. As entradas teñen un prezo de 10 euros pero, a través do bono, o prezo queda en 7 euros. Poden adquirirse no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18:00 a 21:00 horas ou tamén en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

O arxentino Arístides Vargas, autor de A nosa señora das nubes, agasállanos con esta peza preñada de sensibilidade na que dúas irmáns, Eleonora e Celina, rememoran a súa infancia e a vida de tres xeracións dunha familia de mulleres. Nove mulleres nunha vella casa onde calquera cousa podía suceder.

A idade da pavía é un xogo sobre o tempo e a idade, unha traxicomedia que deambula polos borrosos límites da soidade e da ridiculez cunha linguaxe poética e retranqueira na que se agocha a crítica á sociedade e que conmove, fai rir, chorar, soñar, gozar e arelar vivir ben o vivido.

A obra chega da man de Sarabela Teatro, compañía con máis de 30 anos facendo teatro e recollendo premios e recoñecementos. Ánxeles Cuña dirixe un reparto integrado por Fina Calleja, Nate Borrajo, Sabela Gago e Fernando Dacosta.

Compartir: