ALCALDÍA

O Concello ofrece tres parcelas para unha nova escola infantil no barrio do Castiñeiriño

17/09/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, anunciou que o Concello de Santiago xa elixiu tres parcelas a fin de poñelas a disposición da Fundación Amancio Ortega para que seleccione aquela na que construirá unha nova escola infantil no barrio do Castiñeiriño, equipamento que se incluirá na rede autonómica da Galiña Azul. Así llo comunicou á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, na reunión mantida esta mañá en Raxoi.

Segundo adiantou Agustín Hernández, esta nova escola infantil permitirá ofrecer 82 novas prazas paras nenos de 0 a 3 anos nun ámbito como o do Castiñeiriño cun importante crecemento poboacional nos últimos anos. O alcalde agradeceu á Fundación Amancio Ortega o investimento de preto dun millón de euros na construción deste novo equipamento, froito dun convenio da mesma coa Consellería de Traballo e Benestar.

Lembrou o alcalde o importante crecemento do número de prazas infantís públicas de 0 a 3 anos rexistrado polo Concello de Santiago nos últimos anos. Así, a nova gardería do Castiñeiriño sumará 82 prazas ás ofertadas pola rede autonómica da Galiña Azul na cidade. Deste xeito, a oferta global acadará as 470 prazas, un 77 por cento máis do que había en 2009 (266 prazas).

Agustín Hernández valorou o "compromiso" da Xunta co Concello a través das novas garderías abertas nos últimos anos. En calquera caso e malia superar Santiago os ratios de escolarización infantil pública marcados pola Unión Europea, indicou que "temos ámbitos onde é preciso incrementar a oferta, como este do Castiñeiriño".

Inclusión
Na xuntanza, alcalde e conselleira tamén abordaron diversas cuestións no eido do benestar. Así, en relación á inclusión, Agustín Hernández agradeceu o compromiso autonómico coa inclusión. A través da orde para a contratación de perceptores de RISGA, hai actualmente 20 persoas beneficiarias dun contrato na cidade, unha actuación na que a Xunta está a investir máis de 200.000 euros.

Beatriz Mato fixo tamén referencia ás axudas que recibe o Concello a través do Plan Concertado, e ao Servizo de axuda no fogar para a dependencia. En total, en todas as liñas de colaboración abertas coa capital galega en materia de benestar, a Consellería está a investir 826.000 euros.

Emprego
No eido laboral, falaron sobre o obradoiro de emprego ECOTUR Santiago. Trátase do terceiro ano que a Xunta financia un obradoiro en Santiago. Nesta edición, están a participar 23 alumnos, grazas a un investimento de máis de 200.000 euros.

Estas iniciativas permiten o acceso a un posto de traballo por parte dos beneficiarios; unha formación de calidade en distintas especialidades, que neste caso son promoción turística, páxinas web, e operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción; e a realización de obras e servizos de interese para a comunidade. Neste último punto, todas as actuacións están relacionadas coa rehabilitación da escola unitaria de Villestro como centro de visitantes de Val de Roxos e Camiño de Fisterra, a elaboración de materiais para a promoción turística deste centro, e a posta en marcha e mantemento da súa páxina web.

Simultaneamente, estase a desenvolver o Plan Integrado "Santiago Emprego III", que dá continuidade ao do ano pasado e ao de 2011. Na actividade están a participar 60 alumnos, e conta cunha achega de 115.000 euros por parte da Consellería. Este tipo de actuacións ofrecen un itinerario integral e individual para cada un dos participantes, combinando información, orientación, formación, asesoramento, intermediación con empresas, prácticas e inserción laboral. Santiago é un dos catro concellos de Galicia que actualmente están a organizar de forma individual un obradoiro en un Plan integrado.

Formación
En materia de formación, a Consellería de Traballo e Benestar está financiando dous cursos de formación para desempregados no concello. Ademais, conta con dous centros de formación propios na capital galega: o centro de novas tecnoloxías –punteiro a nivel nacional-, e o de formación ocupacional do Pedroso. Nestas instalacións, lévanse a cabo 66 cursos de formación para desempregados, nos que participan 1.119 alumnos. A Consellería está a investir 517.000 euros en distintas actividades de mellora da empregabilidade.

En total, as liñas de colaboración entre o departamento autonómico e o Concello de Santiago superan os 1,34 millóns de euros nas áreas de traballo e benestar, o que supón un incremento do 13,7% con respecto a 2013.

Documentos relacionados



Compartir: