TURISMO

Vinte e cinco establecementos de Santiago participan na ruta Menús de Mercado de Compostela Gastronómica

16/09/2014 Compostela Gastronómica, o Festival da Cociña Galega que celebrará a súa primeira edición do 19 ao 28 de setembro, inclúe entre as súas actividades unha ruta de Menús de Mercado, na que tomarán parte 25 establecementos de Santiago. Ao longo de dez xornadas, diversos restaurantes, hoteis, mesóns, taperías e viñotecas da cidade ofrecerán menús especiais cuxo nexo común é do estar elaborados a base de produtos frescos e de tempada adquiridos no Mercado de Abastos. Os menús, compostos de aperitivo, primeiro prato, segundo e sobremesa, terán un prezo unitario de 18 euros e estarán divididos en catro temáticas: Territorio, Tradición, Innovación e Creatividade.

"Pan brioche de boi de mar, aguacate e cogombro", "Papillote de pescada con espinacas e lagostinos con veloute de cogomelos", "Pementos recheos de rabo de tenreira confeitado e queixo S. Simón", "Galo de Curral con salsa de ostras", "Bonito de Burela en costra de améndoa cun risotto de pataca", "Rodaballo con ameixas en salsa verde" ou "Tarta de requeixo e mel con froitos vermellos" son só algunhas das atractivas propostas que poderán degustar os comensais da ruta de menús de Compostela Gastronómica ata o 28 de setembro.

Os establecementos que participan nesta ruta de Menús de Mercado son os seguintes: Hotel Spa Relais & Chateaux A Quinta da Agua, Hotel AC Palacio del Carmen, Acio, Amoa 32, Bodeguilla de Santa Marta, Mesón A Charca, A Curtidoría, Café de Altamira, Caney, Los Caracoles, Casa Elisa, O Celme do Caracol, O Curro da Parra, Enxebre do Hostal dos Reis Católicos, O Ferro, Garum, Pedro Roca, Quercus IP, Resas, Rincón de Gurpegui, Rúa Villar, San Francisco Hotel Monumento, Singulario, Tapería Castelao e O Tragaluz de Texturas Galegas. Durante a celebración da ruta de Menús de Mercado cada un destes establecementos estará debidamente sinalizado.

Os días 20, 25, 26 e 27 de setembro, o Mercado de Abastos acollerá, ademais o Espazo Gastro, un espazo habilitado e ambientado especialmente para a ocasión no que unha representación dos restaurantes participantes na ruta de Menús de Mercado ofrecerán tapas e racións de cociña creativa elaboradas a partir de produto fresco e de tempada adquirido na propia praza. Diversos concertos e sesións DJ, protagonizados por Odaiko Percussion Group, Lou Reyes & Los Rockin Corsarios, Los Árboles ou o DJ Javier Rial, entre outros artistas, ambientarán musicalmente este espazo.

Compostela Gastronómica está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cun sinal de identidade diferenciada: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa.

Compartir: