NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Auditorio acolle a representación da obra de teatro infantil "As fabas máxicas"

16/09/2014 A concelleira de Normalización Lingüística, María Corral, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o actor e responsable de Caramuxo Teatro, Juan Rodríguez, presentaron o espectáculo As fabas máxicas. Esta obra de teatro infantil, incluída no programa de dinamización lingüística FalaRedes 2014, representarase este domingo 21, ás 12:30 horas, no Auditorio de Galicia.

Tras chegar con grande éxito a preto de 2.000 persoas nos 22 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, a peza de Caramuxo Teatro inicia esta semana a segunda quenda da súa xira tras ampliarse o calendario con seis pases máis grazas á colaboración económica da Deputación da Coruña, en virtude da súa participación na RDL.

Así, As fabas máxicas chegará o domingo a Santiago de Compostela, cunha función ás 12:30 h na sala Mozart do Auditorio de Galicia. Destinada ao público familiar, nomeadamente á xente miúda, con esta nova versión do coñecido conto infantil Xan e as fabas máxicas perséguese que os nenos e nenas se acheguen á dramaturxia en galego por medio dunha obra de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra van da man.

A concelleira de Normalización Lingüística convidou a pequenos e maiores a "gozar deste divertido espectáculo en galego". Pola súa parte, o secretario xeral lembrou que se trata dunha das cinco propostas incluídas na terceira edición do programa FalaRedes, co que se busca "reforzar e consolidar a oferta de lecer en galego dos concellos implicados na promoción da lingua con actividades novidosas e grazas a artistas que apostan polo idioma de Galicia como ferramenta da súa creatividade".

As entradas, no Teatro Principal
As persoas interesadas en ver o espectáculo este domingo na capital galega poden retirar as entradas ata o sábado no despacho de billetes do Teatro Principal, no seu horario habitual, entre as 18:00 e as 21:00 horas. De sobrar entradas, repartiranse antes da obra no propio Auditorio.

Dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos de idade, As fabas máxicas é un espectáculo contado en primeira persoa, no que o propio Xan nos narra a súa sorprendente historia coa axuda duns simpáticos monicreques. Tras criarse na aldea con súa avoa, Xan vive agora de adulto nun apartamento de Nova York. Un día, coidando as plantas da súa terraza, descobre algo que lle fai lembrar unha infancia chea de aventuras.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: