ALCALDÍA

O alcalde asina un convenio coa Cociña Económica e destaca o seu "admirable labor de atención ás persoas máis necesitadas"

15/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asinou un convenio coa Cociña Económica e visitou as instalacións desta institución benéfica. O Concello destina nesta ocasión 42.000 euros á entidade para que poida desenvolver a súa actividade.

"A través da sinatura deste convenio, o Concello de Santiago segue a manter unha colaboración estable e duradeira no tempo con esta institución benéfica, que dende a súa creación en 1891, hai hai 123 anos, vén desenvolvendo un admirable labor de atención ás persoas máis necesitadas", indicou o alcalde.

A achega municipal de 42.000 euros axudará a que a Cociña Económica siga prestando os seus servizos xa que, como explicou Agustín Hernández, "aínda que boa parte da súa actividade se sustenta no traballo altruísta e desinteresado das Irmás da Caridade e de moitos voluntarios e persoas que ofrecen tempo, traballo e alimentos, tamén ten contratado o persoal imprescindible para as tarefas de atención, preparación da comida e de limpeza das instalacións".

Da importancia do traballo realizado pola Cociña Económica dá unha idea o feito de que, no pasado ano 2013, ofreceu preto de 100.000 servizos (97.991) e na actualidade está a servir ao día arredor de 190 almorzos, 180 xantares e un cento de ceas, con prezos case simbólicos (0,20, 0,80 e 0,50 céntimos, respectivamente), cando os usuarios poden pagalos, e mesmo de balde cando alguén non o pode pagar.

Lembrou o alcalde que este convenio se vén a sumar aos dous subscritos polo Concello con Cáritas Diocesana hai pouco máis de un mes, por importe de 104.000 euros, e outros 15 subscritos entre finais de xullo e principios de agosto con outras tantas entidades de atención social que prestan os seus servizos no ámbito municipal e para os que se destinan 130.000 euros. "Ao remate deste exercicio teranse asinado 29 convenios con distintas entidades sociais do Concello por un importe conxunto de 386.877 euros", engadiu.

Agustín Hernández aproveitou a sinatura deste convenio para "agradecer o traballo, na súa maior parte de carácter voluntario e sen ningunha remuneración material, que prestan todas as persoas e entidades que, como a Cociña Económica, axudan ás administracións públicas a facer efectivo o cumprimento do principio de universalidade dos servizos sociais, co obxectivo de garantir as condicións básicas de vida para os colectivos en situación de emerxencia social ou de especial vulnerabilidade".

"Ese traballo –dixo- precisa non só do recoñecemento público, senón tamén da máxima axuda e colaboración que se lle poida prestar e iso é o que está a facer e vai seguir facendo no futuro o Concello de Santiago".

Compartir: