CIDADE HISTÓRICA

Nova reunión do comité de expertos sobre a revisión do Plan Especial da Cidade Histórica

03/09/2014 O comité de expertos encargado de avaliar as propostas dos aspirantes a redactar a revisión do Plan Especial da Cidade Histórica mantivo a súa segunda xuntanza. Estes seis persoeiros están estudando as ofertas presentadas, co fin de propoñer a adxudicataria destes traballos, que teñen un custo de 452.000 euros, sufragados a partes iguais polo Concello e a Xunta de Galicia.

Estes seis expertos decidirán a empresa que finalmente redacte a revisión dun Plan Especial que ten como obxectivos: a prioridade residencial; a revitalización da cidade histórica baseada na mestura equilibrada de usos; a regulación de actividades mediante normas urbanísticas e ordenanzas flexibles; a recuperación do equilibrio urbano, social e económico; a integración da cidade histórica na trama da cidade; a garantía da accesibilidade e da conectividade; a protección dos valores paisaxísticos; a protección e posta en valor dos valores históricos e formais dos espazos e edificios; o establecemento das condicións ás que se deben someter as edificacións de nova planta e as substitucións de edificios non catalogados; a ordenación da estrutura viaria; ou o establecemento de canles de seguimento e avaliación do Plan.

A redacción deste Plan Especial terá sete fases: información urbanística e diagnóstico, anteproxecto de planeamento como documento de inicio, informe de sostibilidade ambiental, documento para a aprobación inicial, proposta de memoria ambiental, documento para a aprobación provisional e documento para a aprobación definitiva.

O custo do documento é de 452.000 euros, achegados a partes iguais por Xunta de Galicia e Concello de Santiago. As partidas autonómicas distribúense do seguinte xeito: 20.000 euros en 2013, 66.000 euros en 2014 e 2015 e 74.600 en 2016; mentres que o Concello achega 76.000 euros en 2014 e 2015, e 74.600 euros en 2016.

Compartir: