DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

Licitadas a segunda fase das obras de mellora do barrio de Vista Alegre e a reurbanización de Carretas

23/08/2014 O Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 14 de agosto publicou a licitación das obras de mellora de mobilidade e accesibilidade do barrio de Vista Alegre, así como a da reurbanización da rúa Carretas. Os interesados teñen un prazo de 26 días naturais para presentar as súas propostas.

A actuación en Vista Alegre sae a licitación por un importe de 839.559,85 euros e un prazo de execución de dez meses, e en Carretas o tipo é de 693.232,92 euros e un prazo de cinco meses. O alcalde agarda que estas obras poidan comezar no mes de outubro.

Cómpre lembrar que neste barrio compostelán, ademais da demolición das terrazas, entre as actuacións destaca a conexión do extremo norte da rúa Santa Comba coa rúa Bispo Diego Peláez mediante unha vía dun só sentido, que permitirá alixeirar o tráfico cara a rúa Noia no seu tramo norte. Nas vías de menor sección -Rianxo, Ribeira e tramo da rúa Noia de intersección coa avenida de Castelao- habilitarase un carril dun só sentido e dúas beirarrúas, resolto todo cunha pavimentación única e cun nivel único na procura de continuidade entre os distintos ámbitos.

Reurbanización da rúa Carretas
En canto á reurbanización da rúa Carretas, o Goberno local quere dar resposta a unha vella demanda veciñal encamiñada á peonalización da rúa, permitindo só o acceso a residentes e Policía Local.

Esta intervención, aprobada por unanimidade pola Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, pretende continuar coa reconfiguración do ámbito das rúas San Clemente, Trindade e Carretas.

Compartir: