TURISMO

As pernoctacións nos hoteis de Santiago creceron un 7,53% en xullo

22/08/2014 O INE contabilizou no mes de xullo en Santiago 131.548 pernoctacións nos hoteis de Santiago, 9.212 máis que no mesmo mes de 2013, o que representa un crecemento do 7,53%. O aumento de pernoctacións pode considerarse un bo dato para Santiago, especialmente comparándoo co descenso dun 0,2% que tivo a media española no mesmo mes.

O turismo internacional en Santiago viviu o mellor mes de xullo da serie histórica, segundo os datos do INE. No pasado mes os turistas estranxeiros sumaron 57.480 pernoctacións nos hoteis da cidade, o que representa un crecemento do 8,12% respecto do mesmo mes do ano pasado, e que se sitúa incluso por riba da marca establecida neste mes no Ano Santo 2010.

O crecemento do turismo internacional na cidade no mes de xullo apuntado polo INE é consistente coas marcas alcanzadas tanto de peregrinos foráneos como de pasaxeiros nas conexións internacionais do aeroporto. No pasado mes houbo 15.774 peregrinos estranxeiros, fronte aos 14.088 de xullo do 2013 ou aos 11.504 de xullo do Ano Santo 2010. As conexións internacionais do aeroporto moveron 60.848 pasaxeiros, un aumento do 29,05% respecto dos 47.149 de xullo do 2013.

Os datos de xullo tamén indican que se consolida a recuperación do mercado español. Os turistas españois sumaron 74.068 pernoctacións no pasado mes, un aumento do 7,07% respecto das 69.174 de xullo do ano 2013. É o cuarto mes consecutivo no que aumenta o turismo doméstico, despois dos crecemento de abril, 22,6%, maio, 3,7%, e xuño, 10,18%.

A oferta de aloxamento tamén creceu na cidade durante o pasado mes de xullo respecto do mesmo mes do ano pasado. Segundo o INE, houbo 165 establecementos abertos, que ofertaron 7.931 prazas. Foron seis establecementos abertos máis que en xullo de 2013. A oferta de prazas foi a segunda máis elevada no mes de xullo, só tras xullo de 2012. Dende o 2006, a oferta de prazas en xullo aumentou en 1.539 prazas, un 24,08%.

No acumulado anual, a cidade suma practicamente as mesmas pernoctacións que no mesmo período do ano pasado, 593.528 fronte a 593.948, nuns datos que continúan lastrados por un mal primeiro trimestre, debido fundamentalmente ao mal tempo que viviu Galicia neses meses, que reduciu dun modo importante os desprazamentos á Comunidade.

Documentos relacionados



Compartir: