ALCALDÍA

O alcalde entrega a Protección Civil o primeiro vehículo adquirido polo Concello para esta agrupación de voluntarios

18/08/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, formalizou a entrega a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil dun novo vehículo. Este automóbil foi adquirido polo Concello para facilitar o labor que prestan de xeito desinteresado as 35 persoas coas que conta este servizo.

A compra deste novo vehículo, o primeiro adquirido polo Concello para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, supuxo un investimento de 38.400 euros. Trátase dun todoterreo de dobre cabina, un tipo de automóbil que se adapta ás necesidades habituais de Protección Civil. Así, servirá para levar carga de forma independente e, se fora necesario, permite extraer a caixa traseira e colocar unha motobomba ou, en caso de xeadas, unha dispensadora de sal.

Ata agora, a Agrupación dispoñía dun todoterreo doado pola Xunta de Galicia en 1997, dun quad, dunha furgoneta e dun turismo, estes últimos cedidos por un concesionario compostelán.

Agustín Hernández, que estivo acompañado no acto polo concelleiro de Seguridad e Mobilidade, Alejandro Sánchez-Brunete, indicou que o Concello "quere que Protección Civil teña todos os medios necesarios para levar a cabo o seu indispensable traballo, e agardo que esta incorporación contribúa a reforzar a labor dos voluntarios, tan valorada e recoñecida polos cidadáns". Lembrou que, no ano 2013, a Agrupación realizou 294 operativos, que supuxeron 8.376 horas de traballo. No primeiro semestre de 2014 xa desenvolveron 175 operativos, contabilizando 5.500 horas de traballo voluntario.

Agradeceu o traballo que prestan "de axuda aos demais, de compromiso coa sociedade e de atención aos nosos conveciños", actuando moitas veces en circunstancias complicadas, coma un accidente, un temporal, unha inundación ou un incendio. Destacou sobre todo que realizan este labor de xeito voluntario, valorando o seu "compromiso e entrega desinteresada".

Dende 1996
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago creouse en 1996, por acordo plenario, como modalidade de incorporación dos cidadáns á protección civil municipal. Realizan diversos operativos, entre os que figuran a atención aos Camiños, co auxilio e asistencia a peregrinos que chegan a Santiago por calquera das rutas xacobeas.

Tamén prestan servizos en concentración de persoas, como eventos deportivos (partidos de baloncesto, fútbol, carreiras ciclistas) ou festivos (fogos do Apóstolo, cabalgatas, entroidos), comprobando que estean operativas as vías de evacuación e colaborando coa Policía nos labores de corte de tráfico e desvío de circulación que fosen precisos.

A colaboración esténdese igualmente ao medio natural, coa recollida de aves, cans ou gatos, contando tamén con material para a captura de serpes. Completan o seu labor outras intervencións, como botar sal en inverno nas vías durante as xeadas ou a formación que imparten nos centros escolares.

Compartir: