ECONOMÍA

Vinte e tres alumnos formaranse en páxinas web, promoción turística e revestimentos na construción no obradoiro Ecotur Santiago

11/08/2014 Este luns comezou cun acto inaugural o novo Obradoiro de Emprego Ecotur Santiago. A Concellería de Economía xestionará este obradoiro, no que participarán 23 alumnos/as-traballadores/as durante un período de seis meses, e que se compón das seguintes especialidades: Promoción Turística Local e Información ao Visitante, Confección e Publicación de Páxinas Web e Operacións Auxiliares de Revestimentos Continuos de Construción.

Na presentación do Obradoiro de Emprego desenvolvéronse unha xornadas técnicas sobre o sector turístico que foron presentadas pola concelleira de Economía, Reyes Leis, que estivo acompañada no acto pola directora xeral de Emprego e Formación da Xunta de Galicia, Ana Díaz. Posteriormente interveu, en primeiro lugar, Ana Munín Baluja, técnica de Promoción Turística en Turismo Santiago, co relatorio "O Turismo en Santiago. Características e impactos". De seguido foi a quenda de Ludivina Lázara Campoamor, técnica de Promoción Turística no Obradoiro de Emprego Ecotur Santiago, co relatorio " O perfil do/a promotor/a turístico local e informador/a ao visitante". O acto finalizou coa presentación do equipo técnico e docente do Obradoiro de Emprego.

As persoas participantes na especialidade de Operacións Auxiliares de Revestimentos Continuos de Construción realizarán obras de rehabilitación dunha antiga escola unitaria para albergar o Centro de Visitantes "Val de Roxos - Camiño de Fisterra". Levarán a cabo traballos de renovación de instalacións, illamento e accesibilidade. A finalidade do Centro de Visitantes será a difusión das características deste ecosistema, así como do patrimonio relixioso e civil deste enclave do Camiño de Fisterra e da súa historia.

Na especialidade de Promoción Turística Local e Información ao Visitante desenvolverán servizos orientados a dotar de instrumentos e medios informativos e divulgativos o Centro de Visitantes do "Val de Roxos - Camiño de Fisterra", asegurando a elaboración de recursos para o turismo rural, especialmente do patrimonio natural e cultural da zona de Val de Roxos, a través da creación de itinerarios/rutas, guías e material promocional que permita asentar itinerarios ecoturísticos.

En canto á especialidade de Confección e Publicación de Páxinas Web, os alumnos e alumnas realizarán traballos de deseño e implementación de ferramentas web. En concreto, crearanse dúas webs orientadas á divulgación do importante patrimonio natural e cultural do Val de Roxos e dos servizos do Centro de Atención ao Visitante do "Val de Roxos - Camiño de Fisterra". A finalidade destes obradoiros que organiza a Concellería de Emprego é a mellora da ocupación das persoas desempregadas de 18 anos ou máis de idade, a través da súa cualificación profesional e coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social que posibiliten aos alumnos e alumnas participantes a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Compartir: