DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O CIAC organiza un obradoiro de cosmética natural e un roteiro polas Brañas de Sar

01/08/2014 Este mes de agosto, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) organiza un obradoiro de cosmética natural, unha xornada de iniciación á observación ao ceo do verán e un roteiro polas Brañas de Sar. Ademais, como cada mes, o centro seguirá facilitando as súas instalacións para actividades doutras entidades.

O sábado 9 de agosto, de 17:00 a 18:30 horas, o CIAC imparte un obradoiro de cosméticos naturais. Permitirá aos participantes elaborar produtos de hixiene persoal con ingredientes naturais: pasta de dentes, desodorizante, crema hidratante...

Será unha boa oportunidade para aprender a facer estes preparados para o coidado persoal con ingredientes non agresivos coa saúde e o medio ambiente. Os asistentes deberán achegar os seus frascos da casa e, rematado o obradoiro, poderán levar unha mostra de cada unha das receitas.

Para o sábado 30 de agosto, de 12:00 a 13:30 horas, está previsto un roteiro interpretativo polas Brañas do Sar. Os participantes descubrirán os seus valores naturais, os usos tradicionais que manteñen e outros segredos que gardan

Estas dúas actividades son de balde pero é preciso inscribirse. Pódese facer a través do teléfono 981 543 145 ou da web do CIAC .

O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela está localizado no parque de Belvis, no edificio dun antigo curtidoiro. O CIAC quere ser un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía e conta con recursos didácticos e actividades que axudan a comprender mellor a relación entre a cidade e o seu medio ambiente.

Direccións relacionadas



Compartir: