PLENO

Ábrese a porta para melloras na accesibilidade e na estética do ámbito das Casas de Ramírez

31/07/2014 O Pleno da Corporación aprobou definitivamente o estudo de detalle do ámbito das Casas de Ramírez, ao que non se presentaron alegacións. Na sesión ordinaria de xullo tamén se outorgou o visto bo ao calendario de festivos locais para 2015 e deuse conta do informe de morosidade do segundo trimestre de 2014.

A aprobación definitiva por unanimidade do estudo de detalle no ámbito das Casas de Ramírez, tras non formularse alegacións, abre a porta á realización de melloras de importancia neste conxunto de case 250 vivendas do centro do Ensanche, nas que viven preto de 800 veciños repartidos en 16 bloques. Tamén é unha zona de interese comercial, na que están enclavados numerosos negocios.

O estudo de detalle define os criterios para as intervencións que afecten a fachadas, cubertas, patios, carpintería exterior, accesos, terrazas ou instalación de ascensores. Con este documento, tanto os veciños como os comerciantes da zona van ter vantaxes nas tramitacións das obras de mellora, xa que se eliminan requisitos como a autorización de Patrimonio, que xa informou favorablemente o estudo de detalle.

As actuacións nun local ou vivenda poderanse autorizar de forma individual. Para fachadas ou zonas comúns a intervención terá que ser por bloque. Co estudo de detalle garántese a coherencia formal e o mantemento e recuperación da imaxe unitaria de todos os bloques que conforman o ámbito das casas de Ramírez. Exemplo dos modelos tipos que se fixan no documento son os ascensores, que suporán unha importante mellora na accesibilidade.

Plan Parcial de San Marcos
Tamén no ámbito urbanístico, no Pleno deuse conta da aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal e do Plan Parcial no ámbito do SUNP-31, en San Marcos. Así, autorizouse un cambio de uso principal en dúas parcelas, de hoteleiro a uso residencial, incorporando un 30% da nova superficie edificable a vivenda protexida. Xunto a este uso principal, mantense como compatible o uso hoteleiro, dotacional e de oficinas.

A superficie edificable total autorizada no conxunto das dúas parcelas é de 5.978 metros cadrados construídos, fronte aos 7.034 permitidos polo Plan Parcial vixente. A nova edificabilidade residencial que resulta da modificación destínase á construción de vivenda colectiva, cun número máximo de 103 vivendas, reservándose para vivenda de protección pública o 30% da nova superficie edificable residencial, isto é, 27 vivendas de protección.

Ascensión e San Xoán, festivos locais en 2015
Un dos asuntos que se someteu á aprobación do Pleno municipal deste xoves foi a determinación dos festivos locais en 2015: o día da Ascensión e San Xoán. A Ascensión –que sempre se celebra un xoves- caerá o día 14 de maio. En canto ao outro festivo habitual en Compostela, o San Roque (16 de agosto), a festividade celébrase un domingo, polo que novamente será festivo o día de San Xoán, o 24 de xuño. A proposta foi ratificada por unanimidade dos tres grupos municipais.

Diminución da morosidade
Tamén se lle deu conta á Corporación do informe de morosidade correspondente ao segundo trimestre de 2014, no que se constata que o número medio de días empregados para pagar unha factura polo Concello pasou dos 118 días a finais do ano 2013 ata 78 días no primeiro trimestre de 2014 e a 63 días no segundo trimestre deste mesmo ano. Isto supón que, nos seis primeiros meses de 2014, a media do período medio de pago descendeu un 45%.

Neste segundo trimestre do ano 2014 pagáronse 1.148 facturas dentro do prazo legal de 60 días. O número medio de días que as facturas permaneceron pendentes de pago era de 74 a finais de 2013, baixando a 63 días no primeiro trimestre de 2014 e a 55 no segundo, un 25% menos, continuando así a tendencia á baixa. O segundo trimestre de 2014 deixou tamén un balance de 11.982,651 euros en facturas abonadas.

Plan de Axuste
Ademais, o Pleno tomou en coñecemento a documentación remitida ao Ministerio de Facenda relativa ao seguimento do Plan de Axuste no segundo trimestre de 2014. Segundo manifestara o alcalde previamente, transcorridos dous anos do plan, que ten unha vixencia de 10 anos, xa se alcanzaron obxectivos moi considerables, o que sitúa o Concello na senda da estabilidade financeira para o futuro e permitirá acometer políticas activas.

Camiño Inglés
O Pleno tamén aprobou por unanimidade un dos puntos da proposición presentada polo grupo municipal socialista relativa ao Camiño Inglés, en concreto no que se acorda "propoñer á Deputación da Coruña que leve a cabo con carácter inmediato o desenvolvemento dun plan de promoción turística, cultural e socioeducativa da Ruta Xacobea coñecida como Camiño Inglés. Este plan contemplará aspectos relixiosos, culturais e turísticos".

Compartir: