FESTAS

A Banda Municipal e a Real Filharmonía de Galicia encheron de música a penúltima xornada das Festas do Apóstolo

30/07/2014 As Festas do Apóstolo tiveron na súa programación deste mércores tres propostas musicais. Primeiro, na praza de San Martiño Pinario, concerto familiar dirixido a todos os públicos no que a Banda Municipal de Música, acompañada dos Fantoches Baj, presentaron As pombas de Carboeiro. Logo foi o turno da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia e pechouse a noite musical na praza da Quintana con Tinariwen e Narf Trío en concerto.

O alcalde compostelán, Agustín Hernández, e a concelleira de Festas, María Antón, non quixeron perderse o concerto de San Martiño Pinario, ao que asistiu numeroso público. A Banda Municipal de Música protagonizou unha montaxe moi especial dirixida a todos os públicos e especialmente recomendada para maiores de 8 anos. Estiveron acompañados polo Fantoches Baj para presentar As pombas de Carboeiro, un espectáculo de música e títeres. O público puido ver como un frade trataba de engaiolar a un batallón do exército napoleónico para tentar evitar que os soldados saciaran a súa fame coa poboación de pombas mensaxeiras do mosteiro de Carboeiro. O frade usou 28 cartas do Tarot de Marsella coas que os soldados franceses se entretiñan e inventou un romance con cantos e lendas antigos que teiña como protagonista a Cervela de Bonaval, a personaxe dos zapatos vermellos.

O Auditorio de Galicia acolleu pouco despois un concerto da Real Filharmonía de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago. Baixo o nome son(UT)opías, estivo dirixido por Paul Daniel e contou coa pianista Haruna Takebe. Interpretaron Meditation to the victims of tsunami, de Toshio Hosakawa; o Concerto para piano nº 23 en La maior; KV488 (2º mov), de W. Amadeus Mozart; e Lotus under the moonlight (Homage à Mozart), tamén de Toshio Hosokawa. A entrada a este concerto era libre e tamén contou coa presenza de Agustín Hernández e de María Antón.

Pechouse a xornada na praza da Quintana coa banda de rock Tuareg Tinariwen, chegados dende Malí e nacidos das rebelións tuaregs de finais dos anos 70 para converterse nunha revelación internacional. Tanto é así que en 2011 gañaron o Premio Grammy ao mellor álbum de World Music co seu traballo Tassili, que supón un regreso ás raíces nómades do pobo tuareg. Estiveron acompañados por Narf Trío nun concerto que tamén foi de balde.

Compartir: