CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia estrea dúas obras de Toshio Hosokawa, considerado o mellor compositor xaponés

29/07/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) participa no encontro internacional de creación musical son(UT)opías, que organiza a Universidade de Santiago e que nesta edición aborda a relación entre a cultura occidental e a xaponesa. No marco desta iniciativa, este mércores 29 de xullo, celebrarase un concerto da RFG no Auditorio de Galicia, que comezará ás 21:00 horas e dirixirá o mestre titular da orquestra, Paul Daniel. A entrada é libre ata completar aforo.

O concerto comezará con Meditación, do xaponés Toshio Hosokawa (Hiroshima, 1955), considerado o mellor compositor do país nipón. As súas composicións afondan na relación entre a arte de vangarda occidental e a cultura tradicional xaponesa. Esta obra, que se interpretará por primeira vez en España, está dedicada ás vítimas do terremoto e do tsunami que golpearon a costa nordeste do Xapón en 2011.

Outra das obras que tocará a Real Filharmonía de Galicia neste concerto é Loto baixo a luz da lúa, do mesmo compositor xaponés e que tamén supón a súa estrea en España. Escribiu esta peza en 2006 para conmemorar os 250 anos do nacemento de Mozart.

A pianista xaponesa Haruna Takebe interpreta a Mozart
Ademais, a orquestra achegará ao público o segundo movemento do Concerto para piano nº 23 de Mozart. Nesta ocasión, os músicos estarán acompañados pola pianista xaponesa Haruna Takebe. Formada en Tokio, Alemaña e Holanda, ten actuado como solista con orquestras en Alemaña e Xapón e colaborado con integrantes da Orquestra Filharmónica Checa. En 2007 incorpórase como catedrática de Piano na Universidade Elisabeth of Music, en Hiroshima, onde permanece ata 2009, ano no que se muda a España. Na actualidade combina o seu traballo na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago de Compostela, con frecuentes aparicións en recitais tanto como solista como con diversas formacións de cámara, en particular con membros da Real Filharmonía de Galicia e da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Compartir: