CULTURA

Dezaoito espectáculos para pasar as tardes de agosto con Verán na Rúa

29/07/2014 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron o programa Verán na Rúa que se celebra dende o 30 de xullo ata o 29 de agosto. Trátase dunha programación que encherá de música, teatro e circo espazos habituais para os composteláns, e emblemáticos para todos os que nos visitan, como son as prazas de San Martiño Pinario e Praterías e o parque da Alameda. Unha variada oferta dirixida a todo o público que só se terá que preocupar de coller un bo sitio para ver os diferentes espectáculos de circo, acrobacias aéreas, malabares, títeres, maxia, teatro de rúa, contacontos ou música, entre outros, xa que todas as actividades son de balde. En total serán 26 funcións de 18 espectáculos diferentes que ofrecerán diversas compañías e artistas chegados de Castela e León, Gran Bretaña, Cataluña, Madrid, Andalucía e Bélxica, ademais de galegos, por suposto.

O programa comeza o 30 de xullo cun espectáculo moi especial, xa que se trata da colaboración da Banda Municipal de Música con Fantoches Baj, que presentan As pombas de Carboeiro na praza de San Martiño Pinario, nunha cita enmarcada dentro das Festas do Apóstolo. Tras esta inauguración, retomamos Verán na Rúa o luns 4 de agosto con Polos pelos, circo e clown con Dani Blanco, na praza de San Martiño Pinario. O día 5 seguimos con circo, acompañado das acrobacias aéreas de Raquel e Girisho que forman Circo Expreso e que presentan Un día de praia, tamén na praza de San Martiño Pinario; e o mércores 6 teremos Pepiña Maruxiña quere voar contacontos cos galegos Barafundo na mesma praza. O xoves 7 poderemos asistir ao teatro de rúa dos cataláns Obskené, que presentan Fuenteovejuna, breve tratado de las ovejas domésticas na praza da Quintana, un espectáculo recomendado a partir dos 10 anos. E pechamos a semana co teatro cómico dos Supergalácticos de Código Morsa tamén na Quintana.

A seguinte semana comeza co clown Peter Punk que nos presenta o luns 11 Peor imposible, para maiores de 6 anos, e martes 12 O Retrete de Dorian Gray ofrece 6 funcións de Ne me quitte pas. Trátase dun espectáculo de teatro con globos que poderemos ver ás 12:30 e 13:30 h e, pola tarde, en catro funcións máis dende as 17:30, cada hora. O mércores día 13, a compañía Acrópatas presenta Next Player e o xoves 14 poderemos gozar co circo, clown e música dos británicos Chipolatas e o seu espectáculo Gentlemen of the road. Todos os espectáculos desta semana serán na praza da Quintana e ás 19:30 h, menos Ne me quitte pas que ten horario especial e será en San Martiño Pinario.

O luns 18 retomamos a programación da man do galego Kote Malabar e o seu espectáculo Cikote, recomendado para maiores de 5 anos, na praza de San Martiño Pinario ás 19:30 h. O martes 19, na praza da Quintana, e nesta ocasión ás 22:00 horas, estarán os andaluces Alas Circo con Amada&Amador: encuentro en la luna. O mércores 20, o madrileño Javi Javichi ofrecerá dúas funcións de Veló como el rayo: ás 18:30 h na Alameda e ás 20:30 h na praza da Quintana. O xoves 21 chega un dos pratos fortes deste Verán na Rúa, xa que é o día da Gran Gala de Circo Ruactiva. Presentada por Isabel Risco, contaremos coa presenza de Alas Circo, o Mago Teto, Bombo Tambor e outros moitos artistas ademais de música en directo. Será na praza da Quintana a partir das 19:30 h. Pechamos a semana de novo cos andaluces Alas Circo, que o venres 22 ofrecerán o seu espectáculo El espejo na Quintana ás 19:30 horas.

O luns 25 de agosto teremos unha nova función dos Supergalácticos de Código Morsa na praza de San Martiño Pinario ás 19:30 h e o martes 26, no mesmo sitio e á mesma hora, o Mago Xacobe presenta o seu espectáculo Ilusións máxicas… 20 anos de maxia. Mércores poderemos gozar dunha técnica moi especial, a arte con área, da man do catalán Ytuquepintas, que no seu espectáculo Sueños de arena debuxará historias cheas de emoción creadas con área sobre un cristal só co movemento das súas mans. Nesta ocasión será na praza da Quintana ás 22:00 h. O xoves 28, o clown Rudi Dudi presenta Rastafarudi tamén na Quintana, pero ás 19:30 h, e pecha a semana, e esta edición de Verán na Rúa, unha nova función de Peter Punk co seu Peor imposible, ás 19:30 h en San Martiño Pinario.

Direcciones relacionadas



Compartir: