TURISMO

WOMEX converterá Santiago na capital musical de Europa do 22 ao 26 de outubro

29/07/2014 Presentouse na Cidade da Cultura a programación da vixésima edición de WOMEX, a maior feira mundial das músicas do mundo, que se celebrará en Santiago de Compostela do 22 ao 26 de outubro. A concelleira de Economía e Turismo, Reyes Leis, participou na rolda de prensa, na que tamén estiveron Jesús Vázquez, conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria; Beatriz González Loroño, directora xerente da Cidade da Cultura; e Antonio Martínez, de Nordesía Producións, empresa promotora do evento en Galicia.

Reyes Leis lembrou na súa intervención cando alá por agosto de 2011 os organizadores de WOMEX se puxeron en contacto co Goberno municipal para falar da posibilidade acoller a feira na cidade. "Tiñamos claro xa que Santiago quería ser a capital musical de Europa", dixo. Tres anos despois, engadiu, "seguimos no empeño de facer eventos que proxecten a cidade cara a súa expansión cultural".

Agradeceu á organización a elección de Santiago, porque "sabemos que o normal é decantarse por cidades máis grandes en poboación", pero amosouse segura de que "Compostela non defrauda a ninguén". Así, sobre a Feira, resaltou que "dá un valor ao contido cultural" e, por iso, "Santiago xoga na liga doutras cidades máis grandes e ponse á altura pola súa importancia histórica e cultural". De feito, Santiago competiu para organizar esta edición con cidades como Dublín, Valencia, Glasgow ou Madrid.

"Sabemos que as necesidades de WOMEX son tanto de día como de noite, pois por un lado é unha feira comercial durante o día, pero pola noite hai concertos. É neste aspecto no que Compostela aporta proximidade nos espazos diferenciados que precisan", apuntou a concelleira. O resultado serán cinco días de música, polo día na Cidade da Cultura e, pola noite, en varios espazos: praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio Abanca e Sala Capitol.

Artistas elixidos
Na rolda de prensa, a organización de WOMEX fixo público o nome dos artistas elixidos de todo o mundo por parte do seu xurado internacional de expertos. Entre eles están o cantante galego Davide Salvado na selección oficial internacional; e no escenario local (Atlantic Connections) foron elixidos a cantante Uxía e un dos máis importantes zanfonistas europeos, Germán Díaz, quen reside dende hai anos en Galicia.

Ademais, dentro das conferencias que teñen lugar en WOMEX haberá unha sobre a música folc galega que será impartida polo profesor e investigador Sergio de la Ossa (Madrid, 1978).

Hai que lembrar que este é un paso de xigante para a música galega, dado que en 20 anos de historia de WOMEX só unha artista galega fora seleccionado na súa selección oficial (Mercedes Peón en 2010), e moi poucos actuaron na feira: Marful (2007), Mutenrohi (2008), Narf (con Manecas Costa, 2008) e Xosé Manuel Budiño (2013).

No resto da Península, os elixidos para a Selección Oficial son o guitarrista Raúl Rodríguez (fillo de Martirio) e Lula Pena, unha cantora portuguesa. En canto ao escenario local (Atlantic Connections), as novas incorporacións son Korrontzi (País Vasco) e Custódio Castelo (Portugal).

Na sección oficial, ademais dos xa mencionados, están artistas de máis de 30 países: Batida (Angola/Portugal), Driss El Maloumi Trio (Marrocos), Ed Motta (Brasil), El Gusto Orchestra (Alxeria/Francia), Guayo Cedeño & Coco Bar (Honduras), Maarja Nuut (Estonia), Madeeh (Malasia), Maru Tarang (India/Australia), Mayito Rivera & The Sons of Cuba (Cuba), Sékouba Bambino (Guinea-Conakry/France), Orkesta Mendoza (USA), Spiro (UK), Paolo Angeli (Italia), Ajinai (China), Baloji (Congo/Bélxica), Bostich (México), Cesaria Évora Orchestra (Cabo Verde), Džambo Aguševi Orchestra (Macedonia), Ester Rada (Israel), Ethiocolor (Etiopía), Frank Yamma (Australia), Ilkka Heinonen Trio (Finlandia), Cuenta i Tambu (Curaçao/Holanda), Noreum Machi (Corea do Sur), Otava Yo (Rusia), Oum (Marrocos/Francia), Söndörgő (Hungría), Tribu Baharú (Colombia) e Troker (México).

Atlantic Connections
Atlantic Connections é o escenario local que acollerá propostas musicais da Península Ibérica e de América Latina. Para este escenario foron seleccionados por un xurado, ademais de Uxía e Germán Díaz, o grupo folc biscaíno Korrontzi, o cantautor portugués Custódio Castelo e os baianos Sertanília (Brasil).

WOMEX é un encontro profesional para o sector das músicas do mundo, que inclúe unha feira profesional, uns 60 showcases (concertos), atrae a uns 2.500 delegados e 1.260 empresas de máis de 90 países, entre os que hai 800 programadores, máis de 500 selos, editores e distribuidores, así como máis de 300 xornalistas (e 130 emisoras de radio). Ademais, tamén acolle un DJ WOMEX Summit, conferencias e mentoring a cargo de 80 oradores e mentores de máis de 25 países; proxeccións de filmes, etc.

WOMEX 14 encherá Compostela de música durante cinco días nos seguintes espazos:

- WOMEX Day: feira profesional no recinto do Museo Centro Gaiás, premios, conferencias, networking...

- WOMEX Night: os 60 showcases celebraranse durante tres noites en diferentes recintos e prazas da Cidade Vella de Compostela: Praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio Abanca e Sala Capitol.

WOMEX leva celebradas 19 edicións por toda Europa (en cidades como Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Cardiff) e celebrará a súa vixésima edición en Santiago de Compostela, motivo polo cal acollerá unha programación especial.

A Feira está organizada pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín (Alemaña), que tamén é responsable doutros eventos como Classical: NEXT (Viena), Porto Musical (Recife, Brasil) ou Atlantic Music Expo (AME), en Cabo Verde. Como socio local forma parte da organización Nordesía Producións. Como entidades patrocinadoras figuran a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura e AGADIC, o Concello de Santiago e INCOLSA, e o Goberno de España a través do INAEM.

Impacto na música e na economía de Galicia
WOMEX 14 é o máis importante evento cultural en Galicia dos últimos anos. Trátase dunha grande oportunidade para a música galega, pero tamén para a proxección internacional da nosa cultura e para o posicionamento de Santiago e de Galicia no mundo.

Ademais do valor cultural, o WOMEX supón un extraordinario efecto económico e de imaxe na cidade que o hospeda, que se valorou nas últimas edicións nun impacto positivo no PIB de máis de 2,5 millóns de euros. Ademais, aproximadamente un 80% do custe da produción reverte directamente nas empresas galegas. Ademais, hai que engadirlle o impacto na imaxe de marca da cidade, do país, do seu tecido cultural e da súa industria musical derivado da visibilidade que produce o impacto internacional da Feira.

Agora mesmo xa están rexistrados máis de 1.000 delegados (un 5% máis que na pasada edición de WOMEX), o que supón de media unhas 4.000 pernoctas no sector hostaleiro compostelán.

Direccións relacionadas



Compartir: