ALCALDÍA

Lembrando a Rosalía de Castro

25/07/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e outros integrantes da Corporación asistiron na igrexa de San Domingos de Bonaval á misa en lembranza a Rosalía de Castro. Posteriormente, no Panteón Galegos Ilustres, participaron na ofrenda floral á poeta.

Esta homenaxe a Rosalía no Día de Galicia é unha tradición que, con diversas interrupcións, se vén realizando dende 1932. Comezou coa cerimonia relixiosa, en cuxa homilía -realizada en galego- se leron algúns versos da poeta. A misa contou cos cantos da Coral Polifónica Estradense.

Despois da cerimonia, os participantes realizaron unha ofrenda floral ante a tumba de Rosalía de Castro, con coroas, ramos e centros de flores portados por integrantes da Asociación do Traxe Galego. O Concello de Santiago depositou unha coroa de flores. Tamén realizaron ofrenda floral a Fundación Alfredo Brañas, a Fundación Castelao, a Casa Xapón en Galicia, o Centro Galego e o Centro Galicia de Bos Aires, o Consello de Contas, a Universidade de Santiago, o Valedor do Pobo, a Fegamp ou o Consello da Cultura Galega, entre outras entidades.

De seguido, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, depositou unha coroa de laurel ante a tumba de Castelao. Os actos remataron coa interpretación do Himno Galego.

Compartir: