OFRENDA

Felipe VI agradece a "extraordinaria mostra de solidariedade, de civismo e de nobreza" dada por Galicia no accidente de Angrois

25/07/2014 O Rei Felipe VI realizou a tradicional Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, na que tivo unha sentida lembranza ás vítimas do accidente de Angrois e na que agradeceu ao pobo galego as mostras de "solidariedade, de civismo e de nobreza". Na súa invocación tamén houbo palabras para os afectados pola crise económica e de defensa dunha España "unida e diversa"

A Súa Maxestade quixo que as súas primeiras palabras foran para "recordar, cun sentimento profundo de dor, ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois que, o ano pasado, encheu de loito a tantas familias, conmoveu a toda España e ensombreceu esta festa". Por iso, dixo, "queremos que a nosa presencia aquí sexa tamén testemuña de homenaxe e respecto aos falecidos, de solidariedade coas súas familias e de recordo a todos os afectados pola traxedia".

"Esta terra galega concentrou naqueles días a dor de toda España, e deunos unha extraordinaria mostra de solidariedade, de civismo e de nobreza que nos encheu de orgullo a todos os españois. Galicia, grazas de corazón", engadiu.

Aproveitou tamén este momento para referirse ao accidente aéreo acontecido este xoves en Mali, no que faleceron 116 persoas, seis delas españolas. "A nosa condolencia profunda para as súas familias, así como para as das demais vítimas, de distintas nacionalidades", indicou Felipe VI, cun especial recordo ao pobo francés, "tan querido e tan historicamente vinculado a este Camiño".

Orgulloso Embaixador do Camiño
O monarca manifestou o seu convencemento en manter viva a Ofrenda ao Apóstolo, unha tradición instaurada por Felipe IV que é, segundo dixo, "expresión dunha relación estreita e singular entre a Coroa e a cidade de Santiago". Ao igual que o seu pai, o Rei Don Juan Carlos, expresou o seu desexo de "estar presente na meta da peregrinación xacobea para recoñecer que este legado histórico, cultural e espiritual posúe un enorme e singular valor".

Declarou o seu "orgullo" por ter sido distinguido como Embaixador de Honra do Camiño de Santiago, ruta que é "símbolo de fraternidade entre pobos e persoas do mundo enteiro" e "o primeiro proxecto común de Europa", constituíndo unha "mostra temperá da relación harmoniosa que se sustenta no que nos une".

A Súa Maxestade aproveitou os valores encarnados polo Camiño de Santiago, de "respecto, comprensión, solidariedade, diálogo entre culturas e linguas" para lembrar que "a historia dos pobos non é o mero resultado duns acontecementos acaecidos ao azar" e que "unha construción ben cimentada ten sempre maior garantía de conservar a súa solidez e estabilidade". Neste sentido, apuntou que "na configuración da nosa nación, toda a variedade e riqueza dos seus pobos contribuíu a definir a nosa identidade", razón pola que "na nosa España constitucional, unida e diversa, caben todos os sentimentos e sensibilidades, caben todas as formas de sentirse español. E iso fai de nós unha gran comunidade social, cultural e política".

Tamén houbo palabras para a actual situación económica, coa posta vista no futuro, "avanzando na senda do benestar compartido", pero sen esquecer que "a crise golpeou severamente a moitísimos españois, que sufriron ou están vivindo situacións difíciles a causa do paro; da falta de oportunidades laborais para os mozos e para moitos homes e mulleres que xa non o son". "Reverter esta situación –engadiu- está sendo e será a prioridade do Estado e de toda a sociedade española", remitíndose a necesidade de realizar "todos os esforzos posibles para axudar ás persoas máis vulnerables, para superar desigualdades e lograr a maior cohesión social entre os españois".

Felipe VI apelou, xa en galego, ao Apóstolo Santiago para subliñar que "esta nación, coa que a túa figura está tan vencellada, soubo dar mostras da súa xenialidade e da súa imaxinación para vencelos obstáculos e as contrariedades". Así, rematou a súa intervención desexando que "as súas palabras, plena confianza no pobo español, na súa capacidade de adaptarse aos retos desta hora, enchan o corazón das nosas xentes e fagan resoar sempre en todos nos a esperanza".

Homilía
Na súa homilía de resposta, o arcebispo compostelán, Julián Barrio, manifestou uniuse á lembranza das vítimas de Angrois. Logo, declaroulle o seu afecto a Felipe VI, ademais de agradecer a Don Juan Carlos o "servizo prestado polo ben común do pobo español".

Tamén tivo palabras para os máis vulnerables e pediu polas "persoas e familias que sofren as consecuencias da crise moral e económica que estamos a padecer". E aos gobernantes desexoulles "nobreza, serenidade e constancia na busca do ben común e da renovación ética da nosa sociedade".

Actos protocolarios
Antes da cerimonia relixiosa, Felipe VI realizou o pase de revisa ás tropas na praza do Obradoiro, escoitou o Himno de España e saudou as autoridades. Finalizada a misa, Don Felipe e Dona Letizia dirixíronse ao Pazo de Raxoi, saudando durante os cidadáns presentes na praza. As numerosas mostras de afecto fixeron que as Súas Maxestades tiveran que percorrer por ambos lados o corredor que separaba o público.

Felipe VI, embaixador de honor vitalicio do Camiño de Santiago, realizou por primeira vez a Ofrenda en 1989, data na que Santiago de Compostela acolleu ademais a Xornada Mundial da Xuventude. Tamén foi o delegado rexio en tres ocasións máis: 1990, 1991 e 1993. O Rei Don Juan Carlos acudiu por última vez en 2010, último Ano Santo ata o próximo 2021.

Compartir: