FESTAS

Noite de luz, historia xacobea e recordos

24/07/2014 Os tradicionais Fogos do Apóstolo volveron congregar na praza do Obradoiro e noutras partes da cidade a miles de persoas. O evento desta edición, que recuperou a queima da fachada neogótica, estivo marcado pola lembranza ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois. Composteláns e visitantes puideron gozar durante 25 minutos dun espectáculo no que o son e os fogos artificiais se mesturaron en harmonía.

Nesta edición recuperouse, despois duns anos de ausencia, a fachada e estacada neogóticas, un decorado efémero utilizado tradicionalmente neste día e sobre o que se proxectou por primeira vez mapping, técnica que consiste en crear imaxes ou vídeos sobre obxectos tridimensionais ou construcións arquitectónicas. Ademais, este ano deuse a particularidade de que parte da Catedral está cuberta por unha estrutura de estadas, un elemento adaptado ao espectáculo, integrándoo na narrativa visual mediante o uso da iluminación e da pirotecnia. Esta última tivo un peso maior nesta edición que noutras anteriores.

A través de varias metáforas visuais que permitiron revivir algúns episodios da tradición xacobea, a Catedral transformouse na primeira parte dos Fogos en distintas personaxes e elementos que forman parte da súa memoria. O espectáculo deste ano comezou coa emoción que provocou na praza do Obradoiro o recordo do accidente ferroviario de Angrois, acontecido horas antes dos que ían ser os Fogos do Apóstolo de 2013. "Unha lembranza de luz, un camiño de enerxía" foi o título dunha secuencia na que os nomes das vítimas foron aparecendo dende os laterais do templo, para transformarse logo nunha explosión de luz e de enerxía. O público acompañou con aplausos estes momentos de entenrecemento.

Logo, explicados por un narrador en off, foron sucedéndose distintos episodios proxectados sobre a fachada da Catedral: O inicio do Camiño e o traslado do mártir; O descubrimento do sepulcro; O tempo corre a través do tempo; San Francisco de Asís fai o Camiño de Santiago; Símbolos da tradición xacobea; Tradición xacobea en Santiago, Galicia e o mundo e De festa coa Catedral. O espectáculo pechouse coa queima da fachada neogótica e cun clímax final de pirotecnia, luz e son duns quince minutos.

O impacto visual desta noite foi creado grazas á utilización de nove proxectores de 22.000 lumens cada un e de 18 focos móbiles de LED, xunto cunha montaxe de son de máis de 50.000 w. En canto aos fogos artificiais, lanzáronse 4.200 artefactos.

Compartir: