XUNTA DE GOBERNO

O Concello destina máis de 220.000 euros a empresas da cidade para reforzar a súa capacidade competitiva

23/07/2014 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a concesión de seis axudas a outras tantas empresas para permitirlle ás mesmas contratar, mediante bolsas, a persoal especializado, mellorando así a súa competitividade.

Segundo explicou o alcalde e voceiro da Xunta de Goberno, Agustín Hernández, o importe destas seis axudas suma 28.000 euros. As persoas contratadas, unha por cada empresa, disporán dun período de traballo de catro meses e medio.

Estas subvencións foron concedidas ao abeiro dunha convocatoria que ten unha achega económica total de 228.000 euros. Nestes intres estanse avaliando as solicitudes doutras 24 empresas.

"O programa está dirixido ás empresas co fin de que poidan reforzar a súa capacidade competitiva a través de incentivos que lles permitan a utilización de persoal especializado, como vía para mellorar a súa posición no mercado", explicou Agustín Hernández. Así, o plan articúlase mediante axudas directas ás empresas para financiar prácticas non laborais para mozos e mozas entre 18 e 25 anos en posesión dos títulos universitario ou de formación profesional.

Avances na tramitación dixital de facturas
Na sesión tamén se aprobou o expediente de contratación dun sistema de tramitación dixital dos documentos contables e de dixitalización das facturas, adaptado á normativa orzamentaria e contable vixente para as entidades locais. Un dos obxectivos deste sistema é eliminar a factura de circulación física, garantindo o seguimento da mesma en tempo real. Tamén facilitará o cumprimento de prazos no pago a provedores e automatización dos circuítos de tramitación, coa aplicación de solucións avanzadas como a compulsa electrónica.

Concertos do Apóstolo
Ademais, aprobáronse catro contratos privados para a celebración doutros tantos concertos incluídos no programa das Festas do Apóstolo: Belle & Sebastian (28 de xullo), 60.500 euros; Tinariwen (30 de xullo), 23.595 euros; Juan Perro & La Zarabanda (31 de xullo), 24.200 euros; e Loquillo e a súa banda (24 de xullo), 28.345 euros.

Cómpre lembrar que as Festas do Apóstolo non so se sufragan co orzamento municipal, senón que tamén se afrontan grazas a convenios con distintos patrocinadores que veñen prestando o seu apoio nos últimos anos. Exemplo disto son os acordos asinados con Estrella Galicia – Hijos de Rivera, por importe de 19.360 euros, e con El Corte Inglés, por 7.260 euros, para sufragar os gastos do Día do Traxe Galego.

Documentos relacionados



Compartir: