SEGURIDADE E MOBILIDADE

Seguridade no Apóstolo e recomendacións

22/07/2014 O Departamento de Seguridade e Mobilidade pon en coñecemento dos cidadanía as diferentes restricións de seguridade e as recomendacións de seguridade, circulación e estacionamento para os días 24 e 25 de xullo.

Por motivos de seguridade, restrinxirase o acceso con mochilas e bolsos de gran tamaño á praza do Obradoiro a noite do 24 de xullo. Na mañá do 25 de xullo, durante os actos da Ofrenda ao Apóstolo, a restrición afectará á propia praza do Obradoiro e á Catedral.

Habilitarase como consigna o Pavillón Lorenzo de la Torre, situado en Costa Nova de Abaixo, s/n, próximo a Xoán XXIII no seguinte horario: o día 24, de 18:00 a 1:00 horas; e o 25, de 7:00 a 14:00 horas.

24 de xullo
Dende as 15:00 horas do mércores 24 de xullo queda prohibido estacionar na rúa Costa Vella, restrición que se estende ata o remate dos fogos (noite do 24). Ademais, na rúa Carretas quedará prohibido o estacionamento e a circulación dende as 08:00 horas do 24 ata as 16:00 horas do día 25.

O día 24 de xullo, a restrición de acceso á praza do Obradoiro aplicarase a partir das 20:00 horas, momento en que quedará pechada para facilitar o acceso do público ao espectáculo e o dispositivo de seguridade do mesmo.

Dende as 21:00 horas cortaranse ao tráfico as seguintes rúas: Xoán XXIII (tramo entre avenida do Burgo e San Francisco)-Costa Nova-Castiñeiros (entre Morón e San Francisco e costa de San Francisco). A partir das 22:30 horas prohibirase o tránsito de peóns nas rúas Xoán XXIII -entre o cruce do Burgo e San Franciso-, Costa Nova-Xazmíns, Costa Vella-Porta da Pena e Xoán XXIII-Castiñeiros.

Debido á intensidade do tráfico na noite do 24 de xullo, recoméndase aos condutores a utilización da AP-9 para a circunvalación da cidade. Lémbrase igualmente a importancia de prestar atención aos paneis variables situados nas entradas ao casco urbano e, sobre todo, aos situados na AP-9 e no periférico.

En canto ao estacionamento, recoméndase aparcar os vehículos fóra do centro e evitar o tránsito polas súas inmediacións.

25 de xullo
Na mañá do 25 de xullo, o paso restrinxido pola praza abarcará das 9:00 ás 14:00 horas. Este mesmo día e por mor das manifestacións que sairán da Alameda, recoméndase aos condutores evitar o entorno da praza de Galicia entre as 11:30 e as 14:30 horas.

Compartir: