FESTAS

Vintage Trouble e Novedades Carminha, da man de Son Estrella Galicia, na xornada do mércores 23 das Festas do Apóstolo

22/07/2014 Continúa a programación das Festas do Apóstolo e na xornada do mércores día 23 teremos a actuación estelar na praza da Quintana de Vintage Trouble, unha banda norteamericana que chega precedida dun incrible éxito de público e crítica xa dende a súa formación en 2010, grazas precisamente aos seus sensacionais directos e a un estilo único. Novedades Carminha, unha das bandas galegas consolidadas na escena independente española, será a encargada de quentar a noite antes da saída de Vintage Trouble ao escenario da Quintana.

Inspirados por clásicos incontestables como Otis Redding, Ike&Tina Turner ou Ray Charles, os Vintage Trouble apelan ao soul primitivo de maneira deliberada para recrear así un son con sabor a vinilo e máquina de discos. Á fronte está o seu vocalista, Ty Talyor, unha proxección de James Brown en tempo real. O outro baluarte da formación é o guitarrista Nalle Colt.

A súa historia conxunta empezou a principios de 2010, nun estudo caseiro de Venice Beach. Tras recrutar ao baixista Rick Barrio e á batería Richard Danielson, a formación tomou corpo. Só necesitaron dúas semanas para axustar as teclas e saír de xira. E tres días no estudo para gravar (en directo, alí dentro, sen artificios) o seu debut, The Bomb Shelter Sessions. Once cancións que tanto nos surcos do álbum como logo, traducidas ao directo (onde Taylor se amosa incombustible), inxectan protocolo de soul (vía Stax cando se ennegrecen, vía Led Zeppelin cando se branquean), reacción visceral e fervor gospel. "Esta banda vai ser grande", vaticinou The Wall Street Journal. E non se equivocou.

Novedades Carminha
Sen perder un chisco de frescura e irreverencia xuvenil, Novedades Carminha están de volta co seu novo álbum de estudo. Sensible pero vándalo, Juventud Infinita evoluciona cara a terreos musicais onde a contundencia do garage de factura lo-fi dáse a man co pop máis pegadizo, con tinguiduras de psicodelia e punk a partes iguais. Producido por Ángel Kaplan en Xixón e masterizado por Noel Summerville (The White Stripes, Black Lips, My Bloody Valentine) no seu estudo de Londres, Juventud Infinita vén cargado con 10+1 enerxéticos temas para gozar na pista de baile, que apontoan a Novidades Carminha como máxima referencia do garage-pop cantado en castelán.

A banda galega dá un salto cualitativo con este novo traballo, abrazándose a sons máis coidados e a composicións cheas de creatividade e dinamismo. Iso si, sen renunciar nin por un instante aos acenos de identidade que os trouxeron até aquí. Sen dúbida estamos ante o máis esperado álbum da banda, consolidada na escena independente española grazas aos seus divertidos e irresistibles directos e a un bo puñado de himnos xeracionais atemporais.

Compartir: