FESTAS

Kepa Junquera, Budiño, Luis Tosar, Uxía e Carlos Blanco, entre outros, no III Certame Folk na praza da Quintana

21/07/2014 Na xornada do martes 22, terá lugar durante todo o día a III Edición do Certame Folk organizado por La Voz de Galicia en colaboración co Concello de Santiago. A partires das 12:00 horas, na Praza do Obradoiro, poderemos gozar dunha feira de artesanía e exposición de ourives, así coma obradoiros para os rapaces e rapazas e, xa pola tarde-noite, contaremos coa animación da charanga O Recobío de Vaamonde e a música de Kepa Junquera, Budiño e convidados, entre os que estarán Luis Tosar, Carlos Blanco, Piti Sanz e Xavier Díaz, para rematar coa Banda das Crechas.

A Praza da Quintana acollerá por terceiro ano consecutivo este Certame Folk dentro das Festas do Apóstolo, co que se pretende difundir e reivindicar a música e artesanía realizada en Galicia. Todas as actividades do festival, organizado polo Concello de Santiago e La Voz de Galicia, coa colaboración de Galicia Calidade, Ourives de Compostela, o Multiúsos do Sar e Artesanía de Galicia, son de carácter gratuíto.

A xornada comezará ás 11:00 h coa apertura dunha carpa da asociación de Ourives de Compostela que se poderá visitar ata as 19:00 h e onde haberá unha exposición dos seus traballos máis significativos. Alí, tres artesáns farán demostracións do seu traballo: Ricardo Rivas, acibechería; Julio Lado, cicelado de prata; e Susi Gesto, filigranas en prata e acibeche. Ademais, estará accesible durante todo o día a Feira de Artesanía Galega, onde haberá 10 postos de produtos fabricados con cerámica, vidro, acibeche, prata, madeira e outros materiais. Dende ás 12:00 h e ata as 14:00 h e de novo pola tarde, de 16:00 a 18:00 h, haberá máis de trinta xogos e obradoiros pensados para todas as idades.

A partir das 19:00 h comezará o programa musical coa charanga O Recobío de Vaamonde, que irá quentando o ambiente ata que comecen os concertos da noite. Presentados pola cantante Uxía, o primeiro será ás 21:00 h con Kepa Junquera, que presentará o seu traballo Galiza. A continuación, ás 22:30 h chegará o momento de Budiño e convidados, entre os que estarán Luis Tosar, Carlos Blanco, Piti Sanz e Xabier Díaz.

Budiño interpretará pezas do seu último traballo, Sotaque (2013), e fará un percorrido musical polos seus anteriores cinco discos. Ademais, haberá un momento moi especial que Budiño quere compartir con todos os composteláns e visitantes neste III Certame Folk. Presentará "Hoxe canto en libertá", un tema no que fixo el a música sobre letras de Celso Emilio Ferreiro e que cantará Luis Tosar. Xa á medianoite, a Banda das Crechas porá o broche de ouro á xornada.

Compartir: