FESTAS

Os Fogos do Apóstolo recuperan a queima da fachada nunha edición marcada pola lembranza ás vítimas de Angrois

21/07/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, xunto coa concelleira de Festas, María Antón, e o director de Estrategia y Desarrollo de Negocio Acciona Producciones y Diseño, Javier Sánchez, presentou o espectáculo dos fogos do Apóstolo, que se celebrarán ás 23:30 horas do vindeiros venres 24 de xullo. Será un espectáculo marcado polo recordo ás vítimas de Angrois, pero tamén pola celebración do 800º aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, e pola recuperación da queima da fachada neogótica.

Agustín Hernández indicou que estes serán uns Fogos "moi especiais", seguro de que os que presencien o espectáculo lembrarán "a conmoción inicial, a dor polas vítimas e as súas familias, a emoción que nos produciu a acción heroica de tanta xente". Por iso, será un evento marcado pola "sensibilidade" e o "respecto", dixo, convencido de que "a mellor forma de homenaxear ao que sufriron esa noite é continuar coa normalidade, sen esquecelos nin deixar de acompañalos nunca na nosa lembranza".

Do contido e da estrutura do espectáculo falou Javier Sánchez, quen recordou que está é a décima vez que a empresa se fai cargo dos Fogos do Apóstolo (antes coa denominación GPD). Dividiu o espectáculo en tres eixes principais: a homenaxe ás vítimas, a conmemoración da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e a recuperación da queima da fachada neogótica.

Respecto ao recordo do accidente de Angrois, avanzou que será algo "sinxelo". Baixo o título de "Un recordo de luz, un camiño de enerxía", a intención do espectáculo é que "toda a praza se sinta parte do mesmo", apuntou Sánchez.

Integración de proxeccións, pirotecnia e son
A peregrinación de San Francisco a Compostela ocupará unha parte importante do espectáculo e da historia que contará a través das proxeccións. Ademais, a través de varias metáforas visuais, reviviranse algúns episodios da tradición xacobea: O inicio do Camiño e o traslado do mártir; O descubrimento do sepulcro; O tempo corre a través do tempo; Símbolos da tradición xacobea; Tradición xacobea en Santiago, Galicia e o mundo; e De festa coa Catedral.

Un narrador explicará en off todas estas secuencias, que darán paso á queima da fachada neogótica e ao final dos Fogos cun clímax de pirotecnia, luz e son. Respecto a esta fachada, o representante de Acciona apuntou que será utilizada nesta ocasión para a proxección do mapping (técnica que consiste en crear imaxes ou vídeos sobre obxectos tridimensionais ou construcións arquitectónicas). Ademais, este ano dáse particularidade de que parte da Catedral está cuberta por unha estrutura de estadas, un elemento que a empresa adaptou ao espectáculo, integrándoa na narrativa visual mediante o uso da iluminación e da pirotecnia.

A parte pirotécnica foi deseñada por RICASA, empresa valenciana especializada en este tipo de eventos. Destaca este ano a incorporación, ao longo da proxección audiovisual, de certos efectos pirotécnicos. A última parte da posta en escena é, de feito, un espectáculo pirotécnico musical.

No evento utilizaranse nove proxectores de 22.000 lumens cada un e de 18 focos móbiles de LED, xunto cunha montaxe de son de máis de 50.000 w. Lanzaranse 4.200 artefactos pirotécnicos. O espectáculo foi adxudicado nesta edición por 147.000 euros máis IVE e será presenciado dende a praza do Obradoiro por unhas 8.000 persoas, ás que haberá que sumar todas aquelas que o verán dende diversas partes da cidade.

Operativo de seguridade
Tras as explicacións técnicas, o alcalde aproveitou a comparecencia para agradecer o labor realizado polo anterior equipo de Goberno na preparación deste evento, así como a colaboración do Arcebispado de Santiago. Tamén deu conta do amplo operativo que velará para que "todo transcorra sen contratempos" nunha noite na que "a afluencia de veciños e turistas é moi alta".

Durante esta xornada traballarán 31 efectivos da Policía Local, o dobre dunha quenda normal; máis de 50 persoas de Protección Civil; e 20 efectivos (4 dotacións) dos Bombeiros, tamén o dobre que o normal. A isto hai que engadir o operativo da Policía Nacional, que controlará o acceso á praza do Obradoiro.

A propósito desta entrada na praza, Agustín Hernández lembrou que non se permitirá o paso con mochilas, polo que se habilitará o pavillón Lorenzo de la Torre como consigna para este tipo de equipaxe. Estará aberto de 18.00 a 1:00 horas e logo abrirá de novo o día 25 entre as 8:00 e as 14:00 horas.

O espectáculo comezará ás 23:30 horas. Os valos de seguridade e os corredores de evacuación quedarán instalados contra as 17:00 horas. O acceso á praza, que se realizará principalmente por San Francisco e por Fonseca, pecharase en canto se perciba que estea chea. "Dende o Concello queremos facer unha chamada á responsabilidade e a gozar deste día con prudencia, que é compatible con pasalo ben", concluíu o alcalde.

Compartir: