FESTAS

Iván Raña convidou a composteláns, peregrinos e visitantes a gozar das Festas

18/07/2014 O triatleta Iván Raña abriu co seu pregón unha nova edición das Festas do Apóstolo ante unha ateigada praza do Obradoiro. Na súa intervención ante composteláns e visitantes lembrou algunhas das súas vivencias na cidade e animou a todos a gozar dos 14 días de celebración cun sorriso e co ánimo de escapar durante unhas xornadas dos problemas cotiás. O pregoeiro foi recibido polo alcalde compostelán, Agustín Hernández, antes de saír aos balcóns de Raxoi.

Aínda que nado en Ordes, Iván Raña lembrou cando xa aos 9 anos collía o autobús para vir a Santiago a nadar tres veces á semana. "Síntome santiagués, compostelán, picheleiro. Xa hai máis de 20 anos que ando en bici por estas rúas, que nado nas súas piscinas, que corro nos seus parques e que, cando non estou fóra competindo, durmo cansado nun piso das súas fermosas rúas", dixo.

Tras a breve presentación, o triatleta tivo un recordo para o accidente de Angrois: "As miñas palabras son unha sentida homenaxe ás vítimas do accidente de Angrois, aos seus familiares e aos habitantes desta cidade, aos que axudaron e aos que, sen poder facelo, viviron de preto a traxedia. Non os esquecemos".

Un galego bravo
Foi momento entón para que Iván Raña falara da súa traxectoria deportiva, referíndose á súa volta despois de cada competición polo mundo a Santiago, a "correr baixo a súa chuvia", grazas á cal "pertencemos á raza do galego bravo, ese galego que sobrevive en calquera sitio, como os que emigraron e sacaron adiante moitas familias a base de tesón. Durante as viaxes que fago encántame coincidir con eses paisanos que contan que o importante é ter gañas tirar do carro".

O deportista ordense declarouse "orgulloso" de Santiago e do "luxo" que supón correr pola Alameda, "chea de chavales dándoche ánimo cando te ven pasar e de encantadoras señoras maiores que queren darche co seu paraugas mentres intentas esquivalas". Afirmou presumir alá por onde vai de Santiago, cidade da que el ten gravadas diferentes postais na cabeza. As súas son as vistas do Pedroso, ao que tantas veces subiu, ou os soportais da zona vella, que lle producen un efecto relaxante.

Foi este momento o que escolleu Iván Raña para lembrar as súas profesoras de instituto, en especial á de Educación Física. "Grazas por suspenderme. Iso fixo que me motivara para adestrar máis duro e chegar a gañar un Mundial", indicou, animando a todos a facer "un pouco de deporte na vosa vida diaria". Tamén rememorou o seu primeiro bico baixo os soportais e falou da súa experiencia realizando Camiño en 2009, e da Universidade.

O triatleta convidou a composteláns e visitantes a gozar das festas como "unha válvula de escape aos problemas cotiás" e a facer delas "un exemplo de convivencia cívica e pacífica". "Saiamos co sorriso posto e coa única intención de pasalo ben", dixo, animándoos a "gastar todas as fichas na Alameda, a bailar coa charanga entre as súas árbores e a xogar á petanca".

Documentos relacionados



Compartir: