TURISMO

As conexións internacionais de Lavacolla superaron os 45.000 pasaxeiros en xuño

11/07/2014 O aeroporto de Santiago tivo 45.483 pasaxeiros nas súas conexións internacionais directas no mes de xuño, o que representa un crecemento do 28% respecto dos 35.547 pasaxeiros que houbo nestas conexións no mesmo mes do ano pasado. Trátase dun crecemento importante, sobre todo tendo en conta que o ano 2013 xa foi o ano con maior tráfico internacional na historia de Lavacolla.

O crecemento no tráfico internacional no aeroporto de Santiago no mes de xuño debeuse en gran medida a dous factores: a inauguración das novas conexións de Vueling con Bruxelas en maio e con Ámsterdam e Roma en xuño, tres destinos demandados tradicionalmente polo sector turístico da cidade, e o aumento de tráfico xeneralizado nas conexións que xa operaban o ano pasado.

A previsión é que o tráfico internacional continúe aumentando no aeroporto de Santiago nos meses centrais de verán respecto dos anos precedentes grazas ás novas rutas de Vueling que non estaban dispoñibles o ano pasado. Con estas conexións, o aeroporto de Santiago ten xa a maior conectividade internacional da súa historia, con enlaces directos a: Roma, Bruxelas, Ámsterdam, Londres Stansted, Londres Gatwick, Frankfurt, Milán, París, Dublín, Estambul, Xenebra, Zurich e Basel.

Cos datos do mes de xuño, as conexións internacionais directas de Lavacolla suman xa máis de 180.000 pasaxeiros, cando no mesmo período do ano pasado foron preto de 140.000. Estes datos van na liña do obxectivo que se marcou dende comezo de ano dende o Concello: que o aeroporto de Santiago alcance por primeira vez na súa historia os 400.000 pasaxeiros en conexións internacionais, superando deste xeito en máis de 50.000 pasaxeiros a marca que se conseguiu o ano pasado.

Compartir: