DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

Comezan as visitas guiadas ao castelo da Rocha Forte

28/04/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, presentou en rolda de prensa o programa de visitas guiadas a este importante xacemento arqueolóxico, que comeza no mes de maio para os escolares e en xuño para a cidadanía en xeral.

Continuando o programa de posta en valor do castelo da Rocha, iniciado o ano pasado coa edición dunha publicación e da páxina web Rochaforte, agora ofértase a realización de visitas guiadas a este relevante xacemento arqueolóxico co obxectivo de explicar e contar in situ a súa historia. Estas visitas, de carácter divulgativo e didáctico, están dirixidas aos cidadáns, estudantes, colectivos culturais, etc…

O programa está organizado en 2 bloques, en función dos distintos destinatarios que se quere atender: centros escolares e cidadáns en xeral. As visitas escolares desenvolveránse nos meses de maio, outubro e novembro, dedicando para esto os martes, mércores, xoves e venres. Atenderase un grupo ao día, cun máximo de 50 persoas.

As visitas abertas á cidadanía en xeral desenvolveranse ao longo dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Atenderanse dous grupos ao día - ás 11:00 e ás 18:00 horas- cun máximo de 25 persoas por grupo.

A inscrición é de balde e deberá realizarse cunha antelación mínima de 48 horas previas á data elexida para facer a visita. Formalizarase cubrindo o formulario en http:// www.Rochaforte.info ou ben por teléfono ou presencialmente nos lugares seguintes:

1. Oficina da Cidade histórica e Rehabilitación do Concello de Santiago (de 9:00 a 14:00 horas). Tel. 981 542 437. Rúa do Preguntoiro 1, 15704 Santiago.

2. Centros socioculturais do Concello de Santiago:
Centro Sociocultural José Saramago (Vite)
Centro Sociocultural Aurelio Aguirre (Conxo)
Centro Sociocultural da Trisca.
Centro Sociocultural Xuvenil O Ensanche
Centro Sociocultural do Castiñeiriño
Centro Sociocultural de Santa Marta

A información correspondente a este programa está dispoñible nos mesmos lugares da inscrición.

Documentos relacionados



Compartir: