PLENO

O Pleno aproba por unanimidade a concesión de medallas aos policías locais que traballaron no accidente de tren de Angrois

24/04/2014 O Pleno da Corporación aprobou, na súa sesión ordinaria do mes de abril, a concesión de distincións a oitenta axentes que traballaron no accidente de tren de Angrois o pasado 24 de xullo. Así mesmo, e tamén co acordo de todos os grupos, deu luz verde a unha declaración institucional en defensa do partido xudicial de Santiago. En total, nesta sesión aprobáronse sete acordos por unanimidade.

Como indicou ou concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, serán condecorados aqueles axentes que prestaron servizo dende as 15:00 horas do día 24 de xullo ata as 08:00 horas do día 25 de xullo de 2013 "con motivo do desgraciado accidente ferroviario que tivo lugar no lugar de Angrois, consistente no descarrilamento dun tren modelo Talgo 730, do servizo Alvia, con 218 pasaxeiros a bordo, o cal cubría a ruta Madrid-Ferrol co resultado de 79 mortos e máis de 140 feridos". É dicir, todos os traballadores das quendas ordinarias aos que se sumaron os de reforzo de tres quendas máis o persoal que estando libre de servizo se incorporou tras ter coñecemento do suceso.

Luis Bello salientou que este "podería ser o momento oportuno para o recoñecemento aos membros deste Corpo que interviron no devandito dispositivo policial". Para iso, o Regulamento do Corpo da Policía Local de Santiago de Compostela no seu título IV, Capítulo II, artigo 38, contempla a concesión da Medalla de Servizos Distinguidos do Corpo da Policía Local de Santiago, que se outorga a 12 axentes "pola súa primeira intervención activa no auxilio das victimas no tren sinistrado, evidenciando un excepcional valor persoal".

Así mesmo, outorgarase a Medalla do Corpo da Policía Local de Santiago de Compostela, regulada polo artigo 39 do devandito regulamento, a 67 policías que "igualmente son merecedores desta distinción pola súa participación no dispositivo policial de extraordinaria complexidade e importancia para facilitar o auxilio ás vítimas do devandito accidente". Tamén se concede unha felicitación pública a un axente por ser posuídor xa da Medalla do Corpo.

Declaración institucional
Como xa se anunciara, o Pleno aprobou por unanimidade dos tres grupos municipais unha declaración institucional en defensa do partido xudicial de Santiago. Esta decisión adoptouse na Xunta de voceiros convocada polo alcalde compostelán o pasado martes 22.

O texto insta ao goberno central a que a nova Lei orgánica do poder xudicial contemple o partido xudicial con tribunal de instancia para Santiago de Compostela, e que siga mantendo alomenos os servizos que ten na actualidade.

Outros asuntos
Tamén a proposta do edil de Mobilidade se deu luz verde á creación da Xunta local de Protección Civil por unanimidade. Ao igual que a aprobación inicial da modificación da ordenanza do servizo de transporte colectivo en autobús. Segundo indicou Bello, transcorridos nove anos desde a aprobación da Ordenanza do Servizo de transporte colectivo en autobús facíase necesario realizar unha modificación en relación aos animais no transporte público. Visto isto o artigo 53.4 da Ordenanza quedará co seguinte teor literal: "Os invidentes poderán acceder ao autobús debidamente acreditados con can-guía; así mesmo, poderase acceder con pequenos animais domésticos sempre que os seus donos os leven en cestas ou gaiolas axeitadas, non produzan molestias polo seu olor ou ruído e non contraveñan o establecido nos artigos 35 e 36 da presente Ordenanza". Despois da aprobación inicial, esta proposta será sometida a exposición públia e volverá a pleno trala resolución de alegacións para a súa aprobación definitiva.

Noutra ourde de cousas, aprobouse a inclusión da oficina de promoción económica e emprego do Concello de Santiago como socio da Asociación RED de entidades para o desenvolvemento local "REDEL", así como a proposta da concelleira delegada da área de desenvolvemento urbano e sostible para que o xardín ubicado detrás da igrexa e do antigo hospital de San Roque leve a denominación de Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal, tras aceptar o grupo de goberno unha enmenda do BNG.

Tamén se deu luz verde á declaración de utilidade pública da obra de emerxencia de remodelación de estrutura de madeira da cuberta e falsos teitos do IES Rosalía de Castro, promovidas pola Xunta de Galicia-Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, aos efectos previstos no artigo 8.1 da Ordenaza Fiscal núm. 1.04 (imposto sobre construcións, instalacións e obras).

Por último, aprobáronse por unanimidade dúas mocións. Unha relativa á rehabilitación do lugar onde se celebrou o Banquete de Conxo, presentada polo BNG, e outra sobre a rebaixa do IVE do 21% que se aplica aos salóns de peiteado (dos grupos nacionalista e socialista).

Compartir: