EMPREGO

O alcalde inaugura o Foro de Intermediación e Emprego

24/04/2014 Durante dous días o FIE ofrece numerosas actividades gratuítas relacionadas coa busca de emprego e a mellora de competencias laborais. Arredor de 1500 persoas participarán nos encontros concertados con empresas.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, acompañado da concelleira de Economía e Emprego, Reyes Leis, inaugurou esta mañá unha nova edición do Foro de Intermediación e Emprego. O FIE, que se desenvolve ata o venres no Pazo de Congresos de Galicia, é unha iniciativa do Concello de Santiago, a través da Axencia Local de Colocación, cuxo obxectivo fundamental é servir como instrumento de dinamización da economía local, dando a coñecer as oportunidades de emprego, os novos requisitos e competencias que demanda o mercado laboral, e proporcionando información para mellorar a situación laboral da cidade.

O edil e a concelleira iniciaron o percorrido no túnel de entrevista de traballo, onde os participantes pasan por varias fases dunha simulación de entrevista para poder afrontar futuros procesos de selección con maiores posibilidades de éxito. Continuaron visitando a zona de dixitalización de currículos e as aulas de formación, onde as entidades do Pacto Local polo Emprego imparten cursos certificados a case 1000 alumnos. Tamén se achegaron ás illas de presentación e dinámicas de empresas, onde ao longo das dúas xornadas do Foro arredor de 1.500 persoas asistirán a encontros coas empresas participantes.

Durante dous días, e en horario de 9:30 a 19:30 horas o xoves 24 e de 9:30 a 14:00 horas o venres 25, o FIE 2014 desenvolve de xeito simultáneo un completo programa de actividades. Nesta primera xornada os asistentes puideron participar en cursos de manipulación de alimentos, de monitor/a de comedor escolar ou de Visual Merchandising, en obradoiros de emprendemento, de iniciación a Facebook para a busca de emprego ou en relatorios sobre mercado laboral na comarca de Santiago e riscos laborais, entre outros moitos. Ademáis, as Xornadas Técnicas 2.0, centradas na versión online da busca de emprego, incluíron este xoves coloquios a cargo de destacados bloggers e expertos en mercado laboral e novas tecnoloxías como Ximo Salas, Andrés Pérez Ortega ou Óscar del Santo.
Todas as actividades desenvolvidas durante o Foro de Intermediación e Emprego son totalmente gratuítas. Para participar nelas só é preciso inscribirse na web da Axencia Local de Colocación, http://axencialocaldecolocacion.org/.

Compartir: