XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba unha campaña on line para a promoción de Santiago en Europa

24/04/2014 A voceira da Xunta de Goberno Local, María Pardo, deu conta en rolda de prensa dos asuntos tratados na última xuntanza ordinaria. Entre eles salienta a aprobación dunha campaña turística que busca promocionar Santiago a nivel europeo.

A XGL aprobou a proposta da concelleira de Turismo na que se recollen as actividades a desenvolver no proxecto "Campaña on-line para a promoción en Europa de Santiago de Compostela".Con esta campaña promoverase activamente a Santiago de Compostela, e por estensión a Galicia, como destino internacional de vacacións e como un centro de negocios atractivo. Oriéntase a internet xa que a rede está a ter cada vez un papel máis importante no mundo para as comunicacións, información e difusión dado o número de potenciais viaxeiros que planifican as súas viaxes a través de internet.

Avaliaranse as páxinas máis axeitadas para a difusión desta campaña e farase en sete idiomas para que chegue ao maior número de viaxeiros posibles. Con esta acción os internautas contarán cun enlace á unha completa información sobre a nosa cidade para que a consideren sitio de destino das súas viaxes.

No apartado de urxencias, aprobouse a memoria das actividades do IX Certame de Danza Intercentros para idades comprendidas entre os 3 e os 18 anos dos seguintes centros e cos estes tipos de danza:C- San Xosé de Cluny – Clásica e moderna; CEIP Pío XII - Clásica e moderna; CEIP López Ferreiro - Clásica e moderna, IES Xelmírez I – Moderna; IES Rosalía de Castro – Moderna; CEIP Das Fontiñas – Moderna; C. Divino Maestro – Moderna. En total, 224 bailaríns.

Entre os obxectivos desta actividade atópase achegar a danza á cidadanía, desenvolver a autonomía e iniciativa persoal e a competencia cultural e artística, así como a sensibilidade musical entre outros. Este certame celebrarase na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia no mes de maio. A financiación deste Certame será aporta pola Deputación de A Coruña e terá un custo aproximado de 6.809,46 €.

Entre outros asuntos tamén se aprobou a desconsignación por importe de 3.224,88 € e o pago de parte do prezo xusto do proxecto de expropiación dos terreos non incorporados á Xunta de Compensación do SUP-4 de Conxo. O prezo fixado polo Xurado de Expropiación Forzosa estableceuse en 7.900,89 € co que resta por aboar a diferencia 4.676,01 €.

Novos inquilinos no estanque da Alameda
A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, aproveitou a rolda para anunciar que o estanque da Alameda conta con novos inquilinos. Trátase de dous cisnes negros e dous pavos reais que nestes momentos se atopan nun cercado pequeno para irse aclimatando ao novo entorno. Estas novas especies súmanse aos parruliños que xa habitaban no estanque.

Compartir: