EDUCACIÓN

A XIV Campaña de Animación á Lectura achegará novas aventuras a máis de 4.500 escolares de Santiago

22/04/2014 A Galería Sargadelos acolleu un ano máis a inauguración da XIV Campaña Municipal de Animación á Lectura organizada polo Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora, en colaboración coa Galería. Nesta nova campapña, está prevista a participación de 4.500 escolares das escolas infantís de Santiago, dos centros de educación infantil e primaria composteláns e da comarca. Ao acto asistiu a concelleira de Educación, María Castelao.

A Campaña Municipal de Animación á Lectura, que leva por título "...outro conto, Mamá", está baseado no traballo de Mariana Ruíz Johnson (Bos Aires – Arxentina), que resultou gañador do VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, convocado por este Departamento de Educación e a Editorial Kalandraka.

Esta iniciativa, que xa vai pola súa XIV Edición, desenvolverase ata o 31 de maio e comprende un conxunto de iniciativas en prol da animación á lectura para as familias, o profesorado e os nenos e as nenas de Santiago.

A concelleira de Educación, María Castelao, indicou que "nos sentimos moi satisfeitos da importante acollida e da repercusión desta iniciativa municipal que nos anima a seguir traballando, dando continuidade a novas propostas educativas que tanta aceptación teñen nas bibliotecas, nas librarías, entre as nenas e nenos, nas familias, e entre a cidadanía de Compostela; pero sobre todo, na comunidade educativa, especialmente no profesorado que participan activamente cada ano, contribuíndo a achegar a lectura aos nenos e nenas.
Sendo conscientes da importancia de animar a ler dende as idades máis temperás para a creación dun hábito lector, entre todos conseguimos que máis de 50.000 escolares leven participado nesta iniciativa municipal".

Programa para o primeiro día
A campaña arranca este martes 22 cunha visita didáctica á exposición e sesión de contacontos na que participarán nenos e nenas de educación infantil do CEIP Raíña Fabiola. Tamén se celebrará un obradoiro de escrita creativa ao que asistirán os alumnos de 6º curso de educación primaria do Colexio Vilas Alborada. O obradoiro de Ilustración será para os rapaces de de 3º e 4º curso de educación primaria do CEIP Vite.

O mesmo día, 22 de abril pola tarde, ás 18,30 h terá lugar como en todas as edicións, a xuntanza de presentación da campaña ao profesorado na Galería Sargadelos (Rúa Nova,16), que a partir desta data comezará a recibir a visita dunha parte importante do alumnado dos centros de educación infantil e primaria do Concello de Santiago e da comarca.

Documentos relacionados



Compartir: