EMPREGO

O Foro de Intermediación e Emprego ofrece un programa con máis de 40 actividades formativas

21/04/2014 As Xornadas técnicas 2.0 estarán impartidas por destacados bloggers e expertos en ferramentas online de busca de emprego. Entre as novidades deste ano haberá unha actividade de simulación práctica dun proceso de selección cuxo prazo de inscrición se abre hoxe.

O xoves 24 e o venres 25 de abril o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia acollerá o Foro da Intermediación e o Emprego, unha iniciativa da Concellaría de Economía, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago de Compostela que volve un ano máis tras acadar resultados moi satisfactorios en edicións pasadas.

O FIE 2014 integrará un amplo programa de actividades centradas na mellora das competencias e a cualificación profesional dos asistentes, así como unhas xornadas técnicas sobre inserción laboral 2.0 e diversos encontros concertados entre máis de 20 empresas e demandantes de emprego. Firmas tan importantes como Carrefour, Leroy Merlin, Citröen-Peugeot ou Ikea tomarán parte nestas presentacións.

Entre as grandes novidades desta edición desenvolverase unha actividade denominada ‘Centro de Recursos para o Emprego’, que terá como obxectivo coñecer as claves dun proceso de selección para poder afrontalo con maiores posibilidades de éxito. As persoas que se inscriban a partir de hoxe luns a través da web da Axencia Local de Colocación, http://axencialocaldecolocacion.org/ poderán participar na simulación práctica dun proceso de selección estruturado en sete pasos.

Durante os dous días do FIE tamén se levarán a cabo unhas xornadas centradas de xeito específico na versión online da busca de emprego e no mercado laboral 2.0. Co título de "Xornadas técnicas no marco do Pacto Local polo Emprego sobre inserción laboral e recrutamento 2.0", este programa reunirá a destacados bloggers e expertos na materia que informarán aos asistentes sobre a utilidade práctica das redes sociais.

No Pazo de Congresos de Santiago haberá tamén unha área multimedia para a activación de usuarios na Axencia Local de Colocación, diversos puntos de asesoramento e orientación, así como unha zona para a entrega de currículos en formato dixital, atendida por persoal especializado e equipada con 20 terminais de acceso exclusivo a plataformas online de máis de 40 empresas, onde os participantes poderán inscribirse en ofertas de emprego específicas.

Ata 45 actividades compoñen o programa de cursos formativos certificados e obradoiros prácticos. Con propostas como 'Recoñecemento da experiencia profesional', 'Trámites legais para o bo funcionamento dun negocio de hostelería' ou 'Os certificados de profesionalidade. Que son, como se obteñen, requisitos de acceso’, este programa pretende axudar aos participantes a aumentar as súas competencias e cualificacións profesionais e informalos sobre os recursos e as ferramentas máis útiles na busca de emprego.

O acceso ao recinto do Foro da Intermediación e o Emprego é libre e gratuíto para todas as persoas interesadas. Os asistentes atoparán no Hall principal do Pazo de Congresos unha zona de stands informativos da Axencia Local de Colocación e as entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela.

A Axencia Local de Colocación é un servizo dependente da Concellaría de Economía, Emprego, Comercio e Turismo do Concello de Santiago de Compostela, que ten a misión de apoiar a dinamización do mercado de traballo local a través da promoción de oportunidades e capacidades para a inserción de desempregados e a intermediación laboral. Ao longo de todo o ano desenvolve programas de apoio ao emprego e presta servizos de colocación, orientación laboral, axuda á busca de emprego, recrutamento, selección e formación para o emprego.

Compartir: