XUNTA DE GOBERNO

O Concello revisará 67 parques infantís para adaptalos á normativa vixente de seguridade

16/04/2014 A voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, deu conta dos asuntos tratados na sesión ordinaria entre os que salientan a adxudicación do servizo de reparación e adaptación á normativa vixente das áreas de xogo e dos circuítos biosaudables e tamén as obras de mellora nas rúas Quiroga Palacios, 25 de xullo e avenida de Vilagarcía. Outro dos asuntos tratados foi o cambio na normativa para permitir que as mascotas pequenas viaxen no autobús urbano.

Segundo indicou a edil, das 75 áreas infantís coas que actualmente conta a cidade, só ás últimas están plenamente adaptadas á normativa de seguridade vixente das comunidades autonómas. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local tomou o acordo de adxudicar o servizo de reparación e adaptación das áreas de xogos infantís e dos circuitos biosaudables do Concello de Santiago á empresa Contenur SL por importe de 107.760,93 €. Isto vai significar "a revisión e posta a punto dos parques" nos que se levará a cabo actuacións como o cambio de areas, renovación de pintados, revisión de todos os elementos de xogo, etc. O prazo de execución é de dous meses.

Tamén dentro da Área de Desenvolvemento Urbanos Sostible, foron aprobados por Xunta de Goberno tres proxectos de reurbanización importantes: o de viais e beirarrúas na Avenida de Quiroga Palacios; de repavimentación da Avenida de Vilagarcía; e de pavimentación na Rúa 25 de xullo.

Á vista do informe-proposta do director da Área de Desenvolvemento Urbano e Sostible a XGL aprobou o proxecto técnico para a renovación de viais e beirrarúas na Avenida Quiroga Palacios. Este proxecto faise necesario toda vez que foron detectadas deficiencias como a dimensión insuficiente dos alcorques, rotura de lousas, deficiencias nos pasos de peóns e puntos conflitivos nas escaleiras de baixada entre outros. Con este proxecto farase unha mellor distribución da vía pública e eliminarase unha liña de aparcamento entre o Convento e o Seminario. Coa nova distribución a rúa terá un mínimo de 48 prazas de aparcamento, sendo dúas delas para persoas con mobilidade reducida. O orzamento de licitación desta obra é de 643.075,37 € e terá un prazo de execución de seis meses.

O proxecto da avenida de Vilagarcía suporá un arranxo en profundidade desta rúa cun orzamento de licitación de 496.733,51 €. O prazo de execución destas obras será de oito meses. No que respecta á rúa 25 de xullo, mellorarase o pavimento da rúa a través dun investimento de 280.874,47 € e en tres meses. A concelleira María Pardo anunciou que os proxectos serán presentados aos veciños.

Dous asuntos máis desta área: a contratación do Servizo de desbroce, limpeza e mantemento de marxes e drenaxes de viario, barreiros, fluviais e parcelas municipais para 2014 e 2014 cun orzamento de 230.000 euros e a aprobación do Plan de Inspección Urbanística do Concello de Santiago. Con el preténdese a optimización dos medios cos que conta esta Administración tendo presentes os criterios de racionalidade, proporcionalidade e seguridade xurídica. Trátase de acadar a maior eficiencia e transparencia no exercicio da potestade de control da legalidade urbanística, así como de establecer os criterios, obxectivos e principais liñas de actuación. Os criterios de actuación serán: a gravidad das infraccións, a natureza da actividade, as molestias que poidan causar, a perigosidade ou a agresión da obra ou actividade sobre o medio físico ou contra a protección cultural ou ambiental.

Mobilidade
María Pardo indicou que transcorridos nove anos desde a aprobación da Ordenanza do Servizo de transporte colectivo en autobús faise necesario realizar unha modificación en relación aos animais no transporte público. Visto isto o artigo 53.4 da Ordenanza quedará co seguinte teor literal: "Os invidentes poderán acceder ao autobús debidamente acreditados con can-guía; así mesmo, poderase acceder con pequenos animais domésticos sempre que os seus donos os leven en cestas ou gaiolas axeitadas, non produzan molestias polo seu olor ou ruído e non contraveñan o establecido nos artigos 35 e 36 da presente Ordenanza". Esta modificación terá que ser aprobada en pleno, sometida a exposición públia e volver a pleno trala resolución de alegacións para a súa aprobación definitiva.

Comercio
Tamén se aprobaron as bases reguladoras da convocatoria de subvencións para a realización de actividades de promoción e dinamización comercial no Concello de Santiago para 2014. O sector comercial é un sector básico en toda planificación económica e a defensa e promoción da estrutura comercial é unha finalidade irrenunciable nun proxecto de cidade, tanto pola gran repercusión social deste sector como por constituir unha fonte importante de xeración de riqueza e emprego. Por estes motivos a Concellaría de Comercio promove esta convocatoria para levar a cabo a promoción de actividades comerciais por parte das asociacións de comerciantes ou por claquera entidade representativa de pequenas e medianas empresas. O importe destas axudas suma un total de 45.000 €.

Xuventude e Normalización
A proposta da concelleira de Normalización Lingüística a XGL aprobou a convocatoria do concurso de proxectos de publicidade comercial en galego. Con esta acción preténdese promover o uso do galego na comunicación do sector socioeconómico compostelán e engadir valor e rendemento ás iniciativas publicitarias a través da intervención dos profesionais do deseño e da aplicación da creatividade e da innovación e ao seu contido. O prazo para a presentación dos proxectos publicitarios é ata o 14 de xuño de 2014 no Rexistro Xeral do Concello. O premio para o gañador será de 5.000 €.

Así mesmo, deuse luz verde á prórroga do servizo de dinamización e xestión de actividades nos locais municipais de música para a xuventude de Compostela. Con data 19 de abril de 2013 iniciouse o contrato administrativo deste servizo co prazo dun ano prorrogable a dous. Posto que actualmente xa se está tramitando o concurso para adxudicar de novo este contrato, a XGL aprobou, a proposta da Concelleira de Xuventude, a prórroga deste servizo por un prazo de tres meses e que terá un custo de 2.601,48 €.

Deportes
Trala petición por parte da Federación Galega de Fútbol de poder utilizar o Campo de San Lázaro para o II Torneo de Coca-Cola de fútbol de categoría cadete, a proposta do concelleiro de Deportes a XGL aprobou conceder o uso para este evento deportivo do Campo de San Lázaro de forma gratuita e autorizando tamén a colocación de elementos publicitarios no campo.

Festas
A XGL aprobou a proposta do concelleiro de Festas a prórroga do contrato de concesión de bens de uso público municipal na Alameda para a colocación de postos durante as Festas do Apóstolo 2012-2013 que fora adxudicado á empresa POMBO EVENTOS ATRACCIONES DE FERIAS S.L. Con esta prórroga queda ampliado o período da concesión coas seguintes datas:
Festas da Ascensión: do sabado 17 de maio de 2014 a domingo 1 de xuño de 2014.
Festas do Apóstolo: do domingo 13 de xullo de 2014 a venres 1 de agosto de 2014.

Documentos relacionados



Compartir: