TURISMO

350 nenos norirlandeses viven o Camiño de Santiago na súa escola

16/04/2014 A St. Mary’s Primary School en Mullaghbawn, en Irlanda do Norte, viviu esta semana o seu particular Camiño de Santiago cunha actividade didáctica na que participaron todas as súas clases de preescolar e primaria, un total de 350 nenos de 3 a 11 anos.

A iniciativa partiu dunha mestra galega de Cangas de Morrazo, Xela Cuñarro Otero, que traballa nesa escola do condado de Armagh como asistente dentro do proxecto europeo Comenius. Na súa despedida, tivo a idea de organizar un Camiño de Santiago no que cada aula representaba unha cidade da ruta, para que os nenos ‘peregrinaran’ completando distintas probas ata chegar a Santiago de Compostela.

Como comunicou Xela a Turismo de Santiago, a motivación foi "dar a coñecer o Camiño de Santiago, explicar como ao longo da historia uniu aos diferentes pobos de Europa e cal é o espírito da ruta".

A estes efectos, preparáronse tres libriños de actividades adaptados ás disintas idades, fixéronse os sombreiros de peregrinos e puxéronse pósters e vídeos en cada clase con información para aprender e completar. Incluso construíron o seu propio Botafumeiro. Os nenos traballaron con moito entusiasmo para conseguir as súas vieiras de peregrinos, e os mestres comentaron que "seguramente moitos deles se animarán a facer o Camiño de maiores", lembrando o aprendido nun día de abril do 2014.

As fotos e o vídeo desta actividade poden visitarse no Facebook de Santiago Turismo.

Compartir: