PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Un novo programa de Centros Socioculturais achegará os composteláns á historia e á antropoloxía da cidade

09/04/2014 O concelleiro da área de Participación Cidadá, Francisco Noya, presentou en rolda de prensa "Vive, Vivencias, Vivamos", un novidoso proxecto dentro da Rede de Centros Socioculturais do Concello que nace co obxetivo de promover o encontro e o intercambio cultural de forma accesible entre os cidadáns de Compostela.

Este programa pretende difundir o coñecemento da historia e da antropoloxía da cidade a través dos centros socioculturais, para que tanto propios como alleos coñezan mellor as tradicións compostelás e poidan amar e gozar máis desta universal urbe.

O proxecto "Vive, Vivencias, Vivamos" segue a tradición de programas anteriores dentro da rede de centros socioculturais do Concello como o exitoso "Cultura Viva. Fai túa Compostela", desenvolvido desde finais de 2012 a mediados de 2013.

O programa será coordinado polo carismático catedrático José Manuel Vázquez Varela, que ademais de desenvolver as súas tarefas de antropólogo e etnógrafo, publicou decenas de libros e foi profesor da facultade de Historia da Universidade de Santiago.

O profesor Vázquez Varela, agora xubilado, está considerado unha autoridade mundial no seu campo de traballo e é recoñecido dentro da Universidade como un formidable pedagogo. Este programa preséntase como unha oportunidade única de poder disfrutar e compartir experiencias e coñecemento co profesor compostelán.

Iníciase con cinco encontros (cun máximo de 20 persoas por cada un) que se desenvolverán nos próximos meses de abril e maio dando así a coñecer a historia de Santiago e a súa relación con outras cidades.

Tamén están previstas actividades de diversa índole, como escenificacións dos grupos de teatro dos centros socioculturais de esceas históricas da cidade en lugares significativos, un ciclo de conferencias sobre antropoloxía e a creación de grupos de traballo nos distintos barrios para estudar as tradicións e os costumes de toda a comarca compostelá.

Encontros
Na primeira saída, coñeceremos unha novidosa visión da Universidade, analizando o seu papel na cidade ao longo da historia e a través do seu patrimonio.

O sábado 26 de Abril, o encontro será no entorno da Rocha, para entender o papel desta parte da cidade na historia de Santiago no seu camiño ao mar.

Outro encontro será visitar o Convento de San Francisco, onde se fará unha visita ás súas instalacións e ao museo da Terra Santa, para entender o papel de Santiago nas relixións do mundo.

O museo do Pobo Galego promete ser un encontro inesquecible. Guiados polo profesor Varela, visitaremos as estancias máis esquecidas do museo, desvelando segredos e misterios ata agora non coñecidos.

O 10 de maio, os petroglifos de Conxo e a zona de Santa Marta daranos a coñecer as relacións de poder dentro da cidade ao longo da historia.

Para inscribirse nas actividades do programa, todas elas de balde, pódese acudir aos Centros Socioculturais de Fontiñas, Vite, Santa Marta, Castiñeiriño e Conxo, ou no telefono 981 528 750.

O programa "Vive, Vivencias, Vivamos", que non ten custo para o Concello, continuará ao longo de 2014 con máis encontros e saídas e coa creación dun clube de Historia, aberto a cidade, dentro do entorno dos Centros Socioculturais do Concello.

Documentos relacionados



Compartir: