COMERCIO

Estrea Estilo!" convida ao pequeno comercio compostelán a presentar as súas coleccións primavera- verán nun escenario especial

04/04/2014 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou o programa de dinamización comercial Estrea Estilo!, acompañada de Charo Barca, de Pazo San Lorenzo e Mónica Mejías e Elena E. Sánchez, da empresa Correveydile, asistencia técnica do evento. Trátase dunha xornada na que o pequeno comercio compostelán poderá presentar, exhibir e vender as novas coleccións primavera- verán 2014, en diversos espazos do Pazo de San Lorenzo. O evento celebrarase o domingo 11 de maio, de 11:00 h a 21:00 horas ininterrumpidamente. O prazo de inscrición finaliza o venres 25 de abril de 2014.

A xornada Estrea Estilo! abre unha vez máis ao público un espazo con encanto de Santiago ofrecendo unha apetecible opción de ocio para gozar a xornada de domingo na cidade. Os comercios de Santiago exhibirán as novas coleccións de moda téxtil, calzado, complementos, etc. no Pazo de San Lorenzo, tanto nos seus salóns e claustro interiores coma nos seus xardíns, en función dás condicións climatolóxicas dese día. Desta forma, os visitantes poderán realizar un atractivo circuíto polo Pazo convertido nunha pequena fiestra ao universo de novidades que cada establecemento queira presentar aos seus clientes.

Poderán participar ata un máximo de 40 comercios de distintos sectores. Establécense como sectores preferentes ou prioritarios o sector téxtil, de calzado, complementos, perfumería, produtos gourmet ou floraría. A participación e asignación de espazo aos distintos comercios solicitantes establecerase seguindo a orde de inscrición e a representatividade dos distintos sectores favorecendo así a heteroxeneidade e atractivo da oferta e características dos espazos dispoñibles.

Os visitantes poderán realizar as súas adquisicións rodeados de incentivos e sorpresas, facendo rendible o seu tempo de ocio e compras nunha xornada lúdica e chea de atractivos: actuacións musicais, dj, gardería- ludoteca e inchable para cativos, así como sesións de beleza para os que teñan realizado compras aos comercios participantes.

Outro atractivo da xornada será o "tren lanzadeira" que ligará o centro da cidade co Pazo, con saídas ás horas en punto desde a Praza do Obradoiro (ás 12, 13 e 14, 17, 18, 19 e 20 ) con paradas ás e cuarto e as menos cuarto na Praza de Galicia (12.15, 12.45, 13.15, 13.45, 14:15, 14:45, 17.15, 17.45, 18.15, 18.45, 19.15, 19.45, 20.15). O regreso desde o Pazo terá lugar a cada hora con saídas ás e media (12.30, 13.30 e 14:30, 17.30, 18.30, 19.30 e 20.30) con parada na Praza de Galicia e finalizando cada traxecto na Praza do Obradoiro.

Así mesmo, o Pazo de San Lorenzo, que colabora activamente na iniciativa cedendo gratuitamente as súas instalacións, terá dispoñible o servizo de cafetería para aqueles que queiran gozar da xornada completa de portas abertas no Pazo.

Aberto o prazo de solicitude de participación
Poderán solicitar a participación neste certame pequenos comercios con tenda física no municipio de Santiago de Compostela. A inscrición realizarase a través do formulario habilitado na web municipal www.santiagodecompostela.gal a partir de hoxe venres. O prazo de inscrición finaliza o 25 de abril. Establécese un máximo de 40 comercios participantes.

Os comercios poderán solicitar toda a información que precisen para valorar a súa participación no evento no correo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal ou nos teléfonos da secretaría técnica 606955797 / 649610692. Máis información tamén nesta web municipal e nos perfís de Estrea Estilo! en Facebook e Twitter

https://www.facebook.com/estreaestilo?ref=hl

https://twitter.com/EstreaEstilo

Documentos relacionados



Compartir: