CULTURA

Berrobambán estrea ‘Avestruz en terra allea’ dentro do ciclo Teatro&Danza

28/03/2014 As entradas, a 10 euros, poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18.00 a 21.00h) ou en Novagalicia Banco (web e teléfono)

O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou esta mañá ‘Avestruz en terra allea’, a nova obra que Berrobambán estrea mañá sábado, no Teatro Principal, ás 21.00h, dentro do ciclo Teatro&Danza. Na rolda estivo acompañado por Paula Carballeira, actriz e autora da adaptación do texto; Nuria Sanz, actriz; e Chiqui Pereira, director do espectáculo. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18.00 a 21.00h), no 902 434 443 e en entradas.novagaliciabanco.es.

O texto é unha adaptación de Paula Carballeira a partir do poemario ‘Contatrás II-I’ publicado por Edicións Positivas. Dirixido por Chiqui Pereira, conta en escena con Paula Carballeira, Nuria Sanz e David Loira. A escenografía é de X. Carlos Hidalgo e David Loira; a iluminación de Fidel Vázquez; o vestiario de Cloti Vaello e a música de Nacho Sanz.

"Quen máis, quen menos, cando nos decatamos de que os soños a miúdo non se fan realidade e de que nos volvemos persoas totalmente diferentes ás que nos imaxinabamos chegar a ser, sentímonos coma as avestruces en granxas galegas, tan lonxe dos seus espazos naturais. Ese desacougo de non saber se este é o noso lugar e o noso tempo é a materia do noso espectáculo: ‘Avestruz en terra allea’.

Señoras e señores, sexan benvidas e benvidos ao cabaret do desacougo. Con música e con humor ata as preocupacións que levamos dentro da alma poden verse desde outro punto de vista. Porque diso se trata, de falar do que nós somos, aquí e agora, pero sen darlle máis transcendencia a esta idea do que xa ten.

Esquecemos moito do noso pasado para poder avanzar cara ao futuro, cando en toda viaxe debemos levar algo de equipaxe. Esquecemos o xogo. Esquecemos a risa. Esquecemos mirarnos no espello e rir das nosas engurras e da nosa expresión triste e seria. Pero para iso está o teatro, para poñer a vida en escena, para recuperar a equipaxe e darlle un novo uso, e para iso está o cabaré, para non darlle moita importancia ao que facemos."
Bono de Teatro Galego
As entradas, a 10 euros poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00h. Esta obra está enmarcada dentro do Bono de Teatro Galego mediante o cal se poden adquirir 5 entradas dos espectáculos que se enmarcan nesta iniciativa, a 35 euros, o que supón un aforro do 30% sobre o prezo xeral

Compartir: