DEPORTES

Santiago acollerá o domingo 13 de abril o "MediaSan do Camiño", cita novidosa no calendario de probas atléticas

27/03/2014 O medio maratón "MediaSan do Camiño" unirá os concelllos do Pino e Santiago discorrendo pola última etapa do Camiño. O evento foi presentado en rolda de prensa polo concelleiro de Deportes, Adrián Varela; o alcalde do Pino, Manuel Taboada; José Manuel Blanco, relacións externas de El Corte Inglés; e Iván Sanmartín, delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo.

Será a primeira vez que na capital de Galicia se celebre unha proba deste tipo, que ademais ten de especial que discorre pola última etapa do Camiño de Santiago. Os Concellos de Santiago e do Pino, xunto coa Federación Galega de Atletismo, organizan esta carreira de 21 quilómetros con saída da localidade de Arca-O Pedrouzo, derradeiro punto do Camiño, e meta no Estadio Multíusos de San Lázaro.

Cada participante previamente deberá recoller no Centro Comercial Compostela (El Corte Inglés – Hipercor) a bolsa de corredor co seu dorsal/chip correspeondente. Os días para facelo serán o venres 11 e sábado 12 de abril de 10:00 a 22:00 horas. De xeito opcional permitirase a recollida o día da proba entre ás 08:00 e as 09:30 horas no Estadio Municipal Multiúsos de San Lázaro.

Esta carreira conta con diferentes categorías que van dende junior ata veteranos maiores de 65 anos. Podrán participar todos aquelas persoas nadas entre 1995-1996, pertencentes á categoría junior, en adiante.

A proba premiará os seis primeiros clasificados, nas clasificacións Xeral Absoluta e por Categorías Masculinas e Femeninas cun premio que vai dende os 50 euros ata os 300 euros en caso de resultar gañador do maratón. Ademais, os tres primeiros postos de clubes federados recibirán unha cuantía de 300, 200 e 100 euros respectivamente.

A inscrición para participar neste I Media Maratón de Santiago, chamada a converterse nunha proba de referencia na cidade e na que se espera unha gran alfuencia de participantes, estará aberta desde o propio día 27 na páxina web www.carreirasgalegas.com.

Documentos relacionados



Compartir: